Pasou o 20D. Pero o que aquí se di debera dicirse antes das eleccións, se ben non é desavido facelo agora, xa que se trata de materias que van encher a lexislatura que se inicia. O sorprendente do caso é que, tratándose de materias vitais, case nin se citaron na campaña, nin nos medios, na cal si se tratou de moitas de moito menor entidade. Para nada se mencionou Europa, nin o seu estancamento actual, nin as causas do mesmo, nin as inmensas posibilidades que ten e se desaproveitan, nin sequera a importancia da UE para España e para Galicia. É como se se esquecese que o máis fundamental da política española non se estivese cociñando en Bruxelas. Os problemas da soberanía compartida, vitais para nós, nin sequera os nomearon os partidos autóctonos. Nada sobre o TTIP (Tratado de Libre Comercio cos EE. UU.), por máis que súas ameazas son moi sinaladas, xa que pode ser moi negativo en canto a protección do medio ambiente, dereitos laborais e políticas sociais. Nin sequera o seu pechado secretismo, que debera alarmar e poñernos en garda, mereceu unha mínima atención. Nada sobre independencia da xustiza, nada substancial sobre o cambio climático, a supervivencia do planeta, a degradación do medio ambiente pola contaminación, o esgotamento de materias primas, os dereitos e liberdades dos militares, as medidas de austeridade, a traxedia dos emigrantes e refuxiados, certos gastos en armamento... Mala cousa que non se teñan sacado á palestra cuestións como as expostas que nos premen e nos deberan alertar. Hai a posibilidade de endereitar o rumbo na próxima lexislatura. Pero un pensa moitas veces en que terán ocupada a súa atención a maioría dos políticos. Non ver a gravidade do exposto é estar politicamente cegos. Sen a menor dúbida.