Mala cousa para o PSOE, e para o país, esta situación entre esvaradía e esperpéntica -e xusto en momentos difíciles da situación política- que algúns dos baróns, coa baronesa do Sur á cabeza, están dando á sociedade. O PSOE contra si mesmo, podería ser o resume de tanto despropósito.
Entre estes quero referirme tan só a un, pero que expresa moi ben a indixencia cultural dos que gobernan o partido ou, polo menos, de algúns dos seus dirixentes. O «España se rompe» cadraba moi ben coa dereita, pero que unha suposta esquerda teña que roubarlle ese contido, empeza a ser preocupante. Porque é recorrer a un dos tópicos joseantonianos máis retrógrados, e falsos, que nos fai recuar aos peores tempos do franquismo. Será propaganda, pero é propaganda de cuño fascista.
É moita a indixencia cultural que se ten que padecer para ver nun referendo un atentado á unidade do país, ou para crer que o que é democrático en case todas partes aquí non o é, e se converta en ferreño principio excluínte de calquera pacto de gobernabilidade. ¿Que idea terán certos dirixentes do mundo en que viven? ¿Non compartimos soberanía coa UE?
Claro que beben en José Antonio -aínda non está morto de todo- estas actitudes inspiradas pola idea de tutela en contra da de autonomía e o dereito a decidir, unha tutela que, para aquel fascista de opereta -o verdadeiro era Calvo Sotelo- correspondía exercer a España (!) para suxeitar as rexións e levalas ao rego.
Quero pensar que moitos dirixentes do PSOE, como seguro que tamén algúns do PP, aínda que só sexa por vergonza, rexeitan semellantes refugallos de fascismo que aínda quedan en certas mentalidades deses partidos. Agora corresponde ver se se van impoñer uns ou os outros. Non é pouca cousa o que nos espera.