Un pensa, ben analizados os posibles pactos que os partidos deben enfrontar, que a cousa non é para tanto. Dificultades maiores ten habido, dentro e fóra do país, e foron superadas. Ademais, se a ningún dos partidos parecen interesarlle novas eleccións, é visto que os esforzos por chegar a un acordo deberan dar resultado. Parécenos que os pactos principais farán referencia a: a) modificación da Lei Electoral; b) política territorial; c) reforma parcial da CE; d) derogación da chamada reforma laboral; e) fin da economía especulativa en procura dunha economía produtiva; f) cambio radical na orientación do ensino; g) fiscalidade máis xusta; h) cambio da política cos presos de ETA; i) transparencia dos orzamentos das forzas armadas; l) independencia do poder xudicial; m) relacións coa UE. Non semella posible pactar coa dereita (PP e Ciudadanos) nos puntos d), e), f), g), h), i) l) e m), e tampouco sería nada doado nas cuestións de política territorial ou de reforma da CE e aínda da Lei Electoral. Todo isto a xulgar pola súa traxectoria de inflexibilidade observada ao longo dos anos que estivo no poder. Tampouco vai ser fácil pactar co PSOE nos supostos b), h), i) e l), tan centralista como a dereita, non nos fagamos ilusións. Paréceme que a esquerda está mellor situada para chegar a un pacto do que poida saír unha política máis civilizada, deixando fóra os tópicos xeralmente creados pola dereita (separatismo, partidos «constitucionalistas», España se rompe...) pero asumidos irresponsablemente pola esquerda, en teoría con outra cobiza para construír unha sociedade máis xusta. Non sei se para facer unha política máis honorable -cousa que xa sabemos pouco posible- , pero si de máis respectabilidade. E ao mellor hai sorte. A ver qué pasa.