Tres imaxes para a reflexión

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

17 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Tres noticias que abriron a semana e, de certo xeito, abren a nova lexislatura, ordenadas cronoloxicamente. Primeira: a constitución do novo Goberno na Generalitat de Cataluña, cun acordo de alustro (tampouco me atrevo a dicir que fose unha sorpresa) e co posicionamento maioritario do independentismo catalán. Velaquí unha asignatura só parcialmente aprobada dende os días (posibles) da transición e que ninguén deu abordado a fondo dende aquela. Ninguén dende os partidos maioritarios que nos últimos 35 anos levaron a iniciativa da vida pública española. Velaquí tamén o resultado dunha certa maneira de entender a política, baseada no esencialismo inmobilista, que dunha década para acó foi radicalizando posicións e, lonxe de integrar diversidades, non fixo máis ca multiplicar agravios. Os vascos agardan. ¿Estamos a falar dunha España nova e posible ou teimamos en aplicar a lexislación vixente coma un mantra que nos paraliza? Non entro a discutir quen move máis razóns. As razóns en moitos casos son emocionais e, por tanto, moito máis difíciles de xestionar. Sigo nas mesmas que algunha outra vez escribín: ¿Por qué chegamos a esta situación? ¿Ninguén vai facer autocrítica (por todas as partes) para corrixir o que haxa que corrixir?

Segunda imaxe: a infanta de España, irmá de el-Rei, sentada no banquillo das irregularidades económicas, posibles delitos de corrupción e fraude á Facenda Pública, que agora sabemos, en palabras do ministerio fiscal, que non somos todos. Outros casos se anuncian, polo que cabe pensar que a nova lexislatura será un festival nos xulgados. ¿Con que vara de medir? As últimas propostas dan que pensar (Miguel Blesa, Rodrigo Rato), sobre todo se as comparamos con outros casos do común. Dicíallo hai uns días a un amigo no Goberno: ou os grandes partidos afrontan en serio a rexeneración dos seus cadros, da súa militancia, da súa representación pública, dos seus procedementos internos, do seu financiamento, etcétera, con luz e taquígrafos, con exemplaridade e dilixencia, abrindo as fiestras sen medo para que corra o aire e poña a cada quen no seu sitio, ou a arrasadeira dos acontecementos acabará levándoos a todos por diante. Co perigo de que leve por diante tamén o sistema. Os populismos de toda caste, que tanto nos preocupan, non xorden da nada. Son o resultado de estados de degradación que acaban afogando. A responsabilidade non é do vento que entra pola fiestra, senón dos que mal administran o despacho e andan a traficar nos papeis.

Terceira imaxe: a constitución do novo Parlamento en España. Con novas caras. Con novas maneiras, non sei se mellores ou peores, a práctica dirá, alén de retóricas fáciles. Mais unha nova realidade social (e mesmo xeracional) puxa por estar presente e pide a palabra. Non é pouca noticia que entre nas institucións e celebrei a entrada nelas, por máis que algúns se escandalicen. Mellor así que telos fóra. Se hai futuro será porque todos participamos nel, e mais porque entre todos logramos construír espazos de diálogo e de intelixencia.