Trapelas e trapalladas

OPINIÓN

25 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A defensa numantina do que xa está ben superado -o bipartidismo-, por máis que certos nostálxicos se neguen a velo, leva á linguaxe equívoca e trapalleira, cando non á trapela, procurando confundir e faltar á verdade dunha maneira insolente: partidos constitucionalistas son os do bipartidismo e os demais, incluídos os nacionalistas, non o son.

Que se pretenda reformar a Constitución, introducindo cambios substanciais, moitas veces non moi diferentes dos que está propoñendo o principal partido da oposición, está moi lonxe de poder ser cualificado, cunha mínima propiedade, como non constitucionalista, nin cousa que se lle pareza.

No mesmo saco entran secesionistas (aínda que non o sexan), separatistas (sen determinar quen son), nacionalistas (deixando á marxe notorias desemellanzas entre eles e ocultando o nacionalismo españolista, que ese é aceptable), xeneralizacións que procuran confusión, desacreditar opcións políticas que non cadran con certos intereses e, ao cabo, enganar á xente.

As presións que se di que se están facendo para que o PSOE chegue a un pacto co PP e con Ciudadanos, demostra que os intereses están por riba das consecuencias, importándolles ben pouco a desfeita que para a sociedade sería ese pacto: hai bastante acordo en que certificaría o total afundimento do PSOE. Pero iso, que é o verdadeiramente importante, para os intereses de algúns é o de menos.

Paréceme que debemos refugar o dar por feito que sexamos negados para chegar ao que outros chegaron, por moitas que sexan, e son, as dificultades do momento, pois non é hora de ceder diante de certos complexos, senón de recorrer á imaxinación, á responsabilidade e á intelixencia: a nova política só será nova se sabe facer súas esas tres esixencias.