Mala Z

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Hai expresións que en si mesmas son puñaladas. Que esas expresións sexan pronunciadas por un cargo público, por riba, fainas aínda máis repulsivas e tristes. Que o concelleiro de Moraña que onte dimitiu esperase cinco días para facelo, parece ofensivo. Que o tal concelleiro se encargase dos asuntos de Igualdade no seu concello, se o anterior non abondase, semella paradóxico e lacerante. Mala Z (non quero, por cortesía cos lectores, escribir completo o ominoso sintagma). Mala Z, escribiu o edil do PP no seu Facebook dirixíndose á socialista Carmela Silva. Onte dimitiu pedindo desculpas. Velaquí a frase que recollía a web de La Voz de Galicia: «Quero acompañar as miñas desculpas cun xesto que evidencia o meu arrepentimento polo erro cometido. Por iso, no día de hoxe presentei a miña renuncia voluntaria como concelleiro do PP en Moraña». Renuncia voluntaria, afirma. Pero a súa frase agacha dardos feroces, tan bruscos que un pregunta cómo é posible que a representatividade democrática acolla, tamén, a individuos como este. Mala Z. Ata onde chegou o ser humano, veño preguntando estas últimas semanas no recanto desta contraportada sentimental. Porque detrás de mala Z agáchase tamén o rancor, violencia, a profanación da pel de todas as mulleres que tiveron que ler ou escoitar tal expresión nos noticiarios, a barbarie e a furia, o desprezo por un igual, o asco, inquina e todas as palabras ásperas que ensucien esta columna. Detesto publicamente, e ben alto, a crueldade machista. Levanto a niña voz contra a degradación do nome de calquera muller nai nena moza dama. Disparo con palabras ás voces de saña e coacción e acoso e derribo. E grito liberdade e tenrura. Unha vez máis. Unha vez máis.