Acoso na escola

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

26 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As expectativas educativas da familia con respecto á escola, non deixan de medrar. Resulta sorprendente, con todo, que a pesar desta delegación de responsabilidades na institución docente, cada día sexa maior a desconfianza cara a ela. Ademais de instruílos nas materias que compoñen o currículo oficial, os pais queren que se eduque aos fillos en valores, como a responsabilidade, disciplina, respecto ou paz. Tamén que se lles imparta educación alimentaria ou comportamento cívico. E agora, que o acoso escolar volve ocupar titulares, as miradas diríxense de novo ao centro educativo para esixirlle máis prevención, detección dos casos, formación dos mestres, etcétera.

Por suposto que a escola ten unha importante responsabilidade na loita contra o bullying. Nela débese desenvolver un plan de convivencia, cun constante labor preventivo e con moita firmeza na resolución dos casos que aparezan. Precísase dunha normativa e duns protocolos claros e eficaces, aspectos nos cales, por certo, Galicia foi pioneira. As medidas que agora anuncia o Estado ou algunha comunidade autónoma, xa foron reguladas pola Consellería de Educación, que vén de aprobar recentemente un plan estratéxico de convivencia. 

Ninguén dubida tampouco que sexa necesario potenciar a formación dos mestres e o traballo de titoría, onde deberían detectarse, coa estreita colaboración dos pais, os problemas graves dos alumnos. Pero non ten responsabilidade a familia nesta problemática? Penso que máis có centro educativo, no fundamental, que é a prevención. As carencias afectivas ou a conflitividade na casa, a violencia nos medios de comunicación ou a falta de autoridade, son causas polas que un neno pode chegar a ser acosador ou mesmo acosado. 

Cada día hai máis rapaces insatisfeitos, que non teñen a tranquilidade emocional e a seguridade que necesitan para madurar. Na casa falta comunicación aberta, pois nos momentos máis importantes para o diálogo, cada membro da familia está illado coa televisión, a videoconsola ou o ordenador. Os nenos acostúmanse a tales doses de violencia, que a acaban reproducindo con normalidade, na rúa ou na escola. Os pais abandonan, en moitos casos, as súas obrigas educativas primarias e o gran problema é que a escola non pode substituílos. Fáltalle a fondura, a afectividade e o moito tempo que se debe dedicar aos fillos. As carencias desta imprescindible educación familiar provocan depresións e desequilibrios, antesala do acoso escolar e do aumento dos casos de suicidio.

Xa que logo, as Administracións públicas non poden mirar só para o centro escolar. Hai que facelo tamén, ou mesmo antes, para a familia, potenciando a formación de pais e a súa estreita relación cos mestres. Educar ten moito de afectividade, pero tamén un pouco de ciencia; e esta hai que aprendela.