Que non sufra o peixe

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

24 may 2016 . Actualizado a las 11:36 h.

Imaxínese que os peixes puidesen berrar. Que cando estivesen agonizando fóra da auga puidésemos escoitar a súa angustia e terror: seguro que non os deixaríamos morrer por asfixia tan lentamente. Esta idea escoiteilla ao premio nobel de Química Harold Kroto na súa visita a Galicia no 2010 e, dende entón, confeso que levo peor velos sufrir nas beiras dos peiraos e dos ríos.

Por se esta apelación á empatía non abondase para cambiar a práctica da morte por asfixia do peixe, agora engádese un argumento obxectivo: un estudo acaba de comprobar que o peixe morto lentamente acaba por ter peor calidade que o morto de xeito rápido, cando son almacenados no conxelador. En concreto, para unha especie de troita descubriuse que, tras un par de meses de almacenamento, os seus saudables ácidos omega-3 empezaban a descompoñerse nas que morreran por asfixia. Tras catro meses, a taxa de descomposición destes beneficiosos ácidos era o dobre nas mortas lentamente que nas mortas de golpe. Segundo parece, esta circunstancia nótase ata no seu olor e sabor, peor nas asfixiadas.

Os autores do descubrimento apuntan un motivo: durante unha morte lenta, o tremendo estrés sufrido polo peixe na súa agonía faille segregar unhas substancias que, tras unha cadea de descomposicións, son as responsables da perda do seu valor nutritivo, do mal olor e un peor sabor. Un pouco de empatía coa dor do peixe, por favor; esa humanidade será recompensada logo no prato.