Nin Bruxelas nin o papa

OPINIÓN

29 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

É visto que os ingleses non senten simpatía nin por Bruxelas nin polo papa. Están no seu dereito. Pero que non nos amolen co seu especial nacionalismo, se ben mellor sería dicir que non o fagan os políticos europeos que claudicaron de maneira tan vergoñenta diante das chantaxes do premier Cameron.

Clara chantaxe que supón un ataque violento a un dos fundamentos da UE, desnaturalizándoa, como é a libre circulación de persoas. O espírito, e a letra, dos tratados europeos, por obra duns políticos que serven a outros intereses, que non os de Europa, é obxecto dunha verdadeira profanación. Entre axudar ao señor Cameron e desnaturalizar a Europa, aqueles elixiron esta segunda opción.

A idea mesma da unidade europea (unha necesidade da historia, como dicían, e dicían ben, os europeístas) queda eivada se agora as políticas nacionais, logro de Cameron e nostalxia de tantos outros, poden descoñecer as da UE. E deixa desnaturalizado tamén, como consecuencia, o proxecto federal de Europa.

O que con tantas dificultades se tiña andado nos 50 últimos anos, desándase agora, como o demostra a limitación de dereitos dos traballadores (dísenos que só por sete anos, para tranquilizarnos) ou tamén a igualdade de trato. Toda unha desfeita, tanto que agora, por vez primeira, se recúa no proxecto de tantos anos cara á unidade europea.

De novo fallaron os políticos, incapaces, como demostran a cotío, de comprender o futuro de Europa e o seu rol no mundo de mañá, que se nel quere ser algo debe estar máis alá e por enriba dos intereses nacionais. Unha vez máis os resesos nacionalismos de pitoños políticos, que é o que aqueles son, embazan o proxecto que se tiña polo máis ambicioso da historia. Moito proxecto para tan escasas potencialidades.