Rocío Sande ten 17 anos estuda quinto curso no Instituto Arxentino Galego Apóstol Santiago, o ano próximo ingresará na universidade. Quere estudar xornalismo e comunicación en Santiago de Compostela. A súa familia ven de Muros, parte dela reside en Vigo, mais a moza naceu en Buenos Aires. Igual que Lautaro Ortiz, que dubida entre o deseño industrial e a arquitectura, alumno tamén do Instituto. Neste caso os seus país son de Córdoba e Tucumán. As súas orixes familiares nada teñen que ver con Galicia. Falan os dous un galego porteño que algún día haberá que incorporar ás variantes filolóxicas da nosa lingua. E esta mañá (23 de abril) saen a vender libros polas rúas da Avenida de Mayo, libros galegos. Unha porcentaxe do que recaden, xunto con outros dezasete compañeiros máis, axudará a financiar a viaxe de fin de estudos de bacharelato que cada ano o Instituto Apóstol Santiago programa para os seus alumnos.
Rocío xa estivo algunha vez en Galicia. Lautaro non, pero faille moita ilusión coñecer a terra do señor Santiago, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Neira Vilas, autores clásicos que len e traballan nas aulas, nun programa semellante ao que en Galicia poden ter os rapaces e rapazas da súa idade. Tamén autores contemporáneos: Fina Casalderrey, Ledicia Costas, Xavier Alcalá, Manuel Rivas, Domingo Villar. Algúns deles visitarán estes días as aulas. O próximo 28 de abril, ingresa na Academia das Letras Arxentinas, como membro correspondente da mesma, o poeta galego Luís González Tosar. Seica o seu discurso versará sobre a presenza de Galicia e das letras galegas nos autores arxentinos. Responderá o poeta porteño Antonio Requeni.
«A Buenos Aires galega». Así titula Ramón Villares o derradeiro capítulo da súa nova edición actualizada da Historia de Galicia, que sae estes días para os lectores arxentinos. A 42ª. edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires vístese coas mellores galas para recibir as nosas letras. Calcúlase millón e medio de visitantes que pasarán estes días polo recinto da Rural (Palermo).
Onte visitei as instalación do Centro Galego na rúa Belgrano. Recibiunos Manuel Rei, veterano de mil batallas, quen segue a atender a biblioteca e os fondos documentais, aínda que leva nove anos xubilado. Amosounos algúns tesouros que aínda se están a descubrir e que forman parte da memoria desa Galicia xigante que floreceu destoutra beira do mundo e seica continúa no corazón dos fillos e dos netos (Rocío), ou mesmo dos que se achegan a nós con curiosidade e afecto (Lautaro). Amosoume algúns vellos documentos e diante dos enormes anaqueles de lombos solemnes, habitados pola memoria, exclamou: «¿E quen vai dar conta de todo isto?» Será para falalo noutra ocasión. Nunha das paredes do andar solemne de representacións está a Carta Xeográfica de Domingo Fontan, a mesma que levou en 1948 na súa primeira viaxe Ramón Otero Pedrayo, cando se foi despedir de Castelao, que morrería dous anos despois. O corazón de Galicia. Un dos seus moitos corazóns posibles.