Manipulacións a eito

OPINIÓN

09 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A maneira de informar mal é a manipulación da noticia, de maneira especial cando esta se retorce ata que diga, ou se pense que di, o contrario. Goebbels, o gran manipulador, foi un adiantado. Nunca pretendeu informar; antes ben, o que realmente quixo foi enganar ao pobo alemán. E conseguiuno.

Vivimos nunha manipulación constante, dende poñer en circulación a idea, enteiramente falsa, de alcumar de secesionistas a opcións políticas que non o son (abondaría con ler os seus programas, cousa que se cala, se se fixo, para mellor manipular) ata presentar algo tan democrático como un referendo -que llo pregunten aos suízos ou aos quebequeses- pouco menos que como algo demoníaco. De información, nada; terxiversación absoluta.

A manipulación pode chegar a extremos nunca vistos: por exemplo, o coñecido caso dun partido político emerxente perseguido con saña por financiamento ilegal de países non democráticos. Pouco importa que as máis altas instancias xudiciais dixesen que tal cousa nunca existiu: tanto ten, porque algo quedará.

Menos aínda se pode dar en ningunha democracia o caso Cosidó (que o Goberno apoia, xa que o mantén no cargo), inventor de falsos expedientes coa única finalidade de prexudicar e anular unha opción política que a el non lle gusta. O desprestixio das institucións parece non importarlle a ninguén.

A listaxe podería seguir. Pero abonda para que nos preocupemos: unha democracia na que se chega a esas e outras moitas manipulacións non é unha democracia con boa saúde.

Cando o editor deste xornal nos di que a independencia é para el o primeiro, está proclamando a esencia do verdadeiro xornalismo e á par refugando a manipulación. Só así se pode fundar algo duradeiro e decente. Así de claro e sinxelo.