Os tacóns non son para covardes

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

21 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Son utilísimos. Canto máis altos e afiados, máis se imitan a coitelos. É certo que impiden correr, pero as intrépidas non o precisan. Un bo par de tacóns, e aí está unha oito ou dez centímetros máis alta para dicir velaquí estou e non tolero estupideces. Nin sequera hai por que levalos nos pés; abonda con facer coma Julia Roberts en plena alfombra vermella do Festival de Cannes, onde a organización esixe tacóns altísimos ás asistentes: detívose, quitou os zapatos, posou ante as cámaras cos Louboutin na man e subiu as escaleiras da maneira máis segura para conservar o seu bendito divismo, descalza. Un bo par de tacóns, si, señora. O mesmo que Robin Wright, que, farta de dimes e diretes vía representante, esixiu en público o mesmo soldo ca o seu compañeiro de reparto Kevin Spacey.

Xa estaba tardando a fin da panacea de que as produtoras aforren a conta dos soldos das mulleres, despois de terlles sido tan rendíbeis cada vez que subimos ás sandalias e ensinamos pantorrilla. Claro que andan desconcertados (nos cines, nos teatros, nos ministerios) porque non esperaban que os tacóns se nos subisen á cabeza. Nin imaxinaban que podemos ser fabulosas e pensar ao mesmo tempo, mesmo rebelarnos, calzadas se fai falla, porque a desigualdade non é só cousa de indumentarias e, coma Wright ou Roberts, impórtanos un pito levar tacóns se podemos afialos para non cobrar menos, non asumirmos que a nosa presenza pública se reduza á altura dos zapatos e á lonxitude das melenas, en lugar da altura do noso intelecto. Acabouse. Non somos covardes e imos armadas.