Máis sobre manipulacións

OPINIÓN

23 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A lgunha prensa, e case toda a dixital, empeza a preocuparse pola manipulación das sondaxes electorais. Aparecen artigos que a denuncian, que subliñan as manipulacións e que sinalan que case sempre procuran rebaixar as posibilidades de certas opcións que non gustan. Na Rede, todo este rebumbio está á vista de calquera.

Son moitos os factores que axudan á eficacia destas manipulacións. A escasa cultura política da sociedade, o descoñecemento dos programas dos partidos, o voto visceral contra opcións non amigas, a preguiza mental que leva a dar o voto irreflexivo... todo axuda a que a manipulación sexa eficaz, que teña terreo axeitado para o seu desenvolvemento e que faga crer que o voto é libre, meditado e procurado polo votante manipulado.

Case seguro que aí está un sobranceiro caladoiro de votos dos partidos, de todos eles. O máis curioso é que, despois de corenta anos de democracia, se empece agora a dicir, e a escribir, que esta manipulación lembra as manipulacións do franquismo. Valería a pena, outro día, reparar nisto máis a modo.

Parécenos moi grave que existan estas manipulacións, que moitas veces proceden de empresas de sondaxes, denunciadas por algunha prensa con datos que semellan non ofreceren dúbidas e, que se saiba, non foran nunca retrucados por aquelas.

A gravidade do caso non require comentarios.

É moi difícil evitar estas e outras manipulacións, que van dende crear expectativas de voto, inflándoas, ata crear globos para logo pinchalos. Como a xente ten cada vez menos sentido crítico, a súa preguiza mental lévaa a resolver o voto de calquera maneira.

Só nos faltaba que á desconfianza sobre os políticos e a política, a xente sume agora dúbidas sobre a limpeza dalgunhas sondaxes.