O desprestixio das institucións

OPINIÓN

30 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Acostuma poñerse como exemplo do pouco que nos interesan as nosas institucións o relato seguinte: se imos aos EE UU, o primeiro que nos preguntan é que nos parecen a súas institucións, mentres que aquí, cando veñen estranxeiros, o primeiro que lles preguntamos é que lles parecen as nosas mulleres. Hoxe xa non é que non nos importen as nosas institucións, é que a mala política duns e doutros, ao poñelas ao servizo do seus intereses, empeza por banalizalas e por conseguir que a xente as mire de esguello, que crea pouco nelas e que non as vexa como algo seu. Como algo seu no que vai a súa seguridade, o seu prestixio e a súa dignidade de cidadáns. Á xente chegan as tirapuxas partidarias para ocupar os máis altos cargos do poder xudicial, do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional e as pullas cando non resolven conforme se agardaba. Hai que ser e hai que parecer. E isto último, parecer, é tan importante na vida institucional como ser. As queixas empezan xa a producirse no interior da carreira xudicial e tamén a lerse na prensa diaria. Poderiamos engadir exemplos a esgalla. Sinalemos agora tan só a utilización partidista da Axencia Tributaria con fins tortos, como meter medo aos contribuíntes, ou que o CIS, dependente do Ministerio da Presidencia, empece xa a ser coñecido en artigos de opinión como Centro de Invencións Sociolóxicas. Entre os moitos ataques que hoxe padece a democracia (do poder financeiro, das grandes compañías transnacionais, da industria de armamento, do terrorismo internacional...) está poñer as institucións do país ao servizo do poder e non ao servizo dos cidadáns. Se non sabemos remedialo a tempo, a morte da democracia será cousa certa. Porque esta corrupción si que é irreparable.