Estimado Alberto:
Estamos ás portas dunhas eleccións xerais nun momento onde están en xogo moitas cuestións importantes para Galiza. A pesar diso, na campaña electoral están a eludirse debates profundos sobre as aspectos que atinxen a Galiza, aos seus sectores produtivos, á capacidade de innovación, á garantía dos servizos públicos ou á situación de desigualdade social que afecta cada vez a máis galegas e galegos.
O debate celebrado en prime time nesta campaña, e que tivo unha difusión por cinco cadeas de televisión de ámbito estatal, constatou esa ausencia de focos sobre a situación de Galiza. Nesta campaña os medios públicos, a Televisión de Galiza, a televisión que pagamos todas e todos cos nosos impostos, unicamente ten previsto emitir un debate entre candidatos e candidatas dentro dun programa que se emite nun horario de escasa audiencia. Iso impide que unha ampla maioría de galegas e galegos dispoñan da oportunidade de ver en directo o intercambio das alternativas políticas concretas para o noso país por medio dos seus máximos líderes en Galiza. Por todo iso, desde o BNG propoñemos a celebración dun debate galego con presenza dos principais líderes das forzas con representación no noso Parlamento. Un debate que lle debemos aos galegos e galegas que teñen dereito a votar o 26 de xuño sabendo cales son as propostas e alternativas que cada forza política vai defender en relación con Galiza.
Un debate similar ao celebrado no 2008, onde convén lembrar, ti mesmo -Alberto Núñez Feijoo-, tiveches a ocasión de participar e debater. Por que o que che parecía un debate histórico no 2008 non vale para o 2016? Por que o que che parecía ben na oposición, semella non gustarche cando estás no Goberno?
Desde o BNG facemos unha proposta que responde a unha convicción profunda: sen debates reais, sen cidadanía que poida ver aos seus representantes contrastando alternativas, a democracia perde. O pasado luns, no debate dos catro magníficos, perdeu Galiza.
Agardo con urxencia a túa resposta e a túa disposición a non furtar aos galegos e as galegas este debate, a non privalos dese dereito. Queremos un debate galego!