Incertezas dunha saída

OPINIÓN

27 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Moi mala noticia, dende logo, para Europa e para o europeísmo. Trátase da segunda economía da UE, dunha ciencia agora esgazada de Europa, dunhas elites das que non andamos sobrados, dunha eiva que pode escorar a construción europea e, ao cabo, desfacer boa parte do camiño europeo andado.

Moi diferentes son as cousas olladas dende o Reino Unido. A miúdo esquecemos que o imperio inglés, á súa peculiar maneira, segue sendo unha realidade ben operativa. En xeral, pode que unha grande maioría (moito máis do que indican os votos do día 21) se sinta máis cómoda fóra da UE que dentro. Paréceme que o que é un manifesto fracaso para a UE non o é tanto, nin moito menos, para o Reino Unido, farto de aturar unha política antisocial exercida por burócratas nin democráticos nin políticos.

Pero, ao mellor, tampouco é todo tan negativo para a UE. En boa lóxica (a lóxica e a realidade non sempre son a mesma cousa), os burócratas europeos deberan empezar a comprender que a saída inglesa ten moito que ver coas súas políticas neoliberais, que tamén poden levar a outros países a seguir o mesmo camiño.

De agora en diante haberá unhas negociacións moi difíciles. Teño a seguridade de que o Reino Unido saberá negociar moi ben a súa nova situación cos pigmeos políticos da UE. Podería adiantar que non se van quedar fóra de todo. Ou sexa, que ao mellor non van quedar de maneira moi distinta á que deica agora tiñan.

Unha observación máis: se o Reino Unido ten éxito nesta nova situación, senón xa antes, Bruxelas terá que coidar moito que outros -pode que Italia e outros que lle sigan- non collan o mesmo camiño. Esa si que seria a gran desfeita. Non sei se alí se poderá cambiar tanto como para chegar a un cambio verdadeiro. Algo terán aprendido. Ao mellor.