Pode que non faltasen razóns aos críticos para querer quitar a Adolfo Suárez da presidencia do Goberno. Durante meses deixara as responsabilidades a Abril Martorell e agora xa non o tiña ao seu lado. Recoñeceuno nunha entrevista concedida á xornalista Josefina Martínez del Álamo en xullo de 1980, que os asesores vetarían por exceso de sinceridade: «Lo que ocurrió es que hice una delegación de poder y durante siete u ocho meses, en algunos aspectos, no he tenido los hilos de la información (...) fundamentalmente en el Parlamento. Ahora, los estoy recuperando a marchas forzadas. Reconozco que he cometido un error grave que quiero corregir... Que no sé si seré capaz de corregir... Bueno, ¡estoy seguro que lo corregiré! Tal vez tengo excesiva confianza en mí mismo. Y eso no es bueno...».
Non lle deron tempo. Despois da destrución da imaxe que a través da prensa fixeran Landelino Lavilla, Herrero de Miñón e outros críticos, Suárez tería que dimitir. Pujol conta nas memorias que Martín Villa o visitou para dicirlle, en presenza de Roca, que o Goberno faría política autonómica con mentalidade restritiva. E engadiu: «Solamente hay un obstáculo, que es el presidente Suárez. Pero esto se va a resolver».