Gutiérrez Mellado tenta controlar o Exército

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

10 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos mandos militares non lles faltaban argumentos para mostrarse hostiles co presidente Suárez. Ademais de sentirse traizoados pola legalización do Partido Comunista e por una Constitución que os medios de comunicación máis reaccionarios presentaban como atea, destrutora da unidade da patria e contraria aos valores do Exército, o terrorismo de ETA e GRAPO dirixiuse no bienio 1979-1980 especialmente contra as Forzas Armadas e de Orde Pública, causándolles 21 e 82 mortos, respectivamente. Para evitar as manifestacións iradas contra o Goberno dos asistentes aos funerais, dispúxose que se celebrasen a primeiras horas da mañá, mentres os etarras mortos eran enterrados como heroes polo entorno abertzale, no País Vasco. A orde sentiuse nos cuarteis como un agravio máis.

Tamén a reforma de Gutiérrez Mellado -que a medio prazo permitiría a modernización das Forzas Armadas-, creou tensións ao rodearse de colaboradores leais á Constitución, cunha política de ascensos e traslados que levou aos xenerais Gabeiras Montero e Ibáñez Freire a xefaturas de máxima responsabilidade sen ter en conta méritos e escalafón, e arredar a outros como Armada, Torres Rojas e Miláns del Bosch.