No ano 1941, Altiero Spinelli e Ernesto Rossi, dende as prisións de Mussolini, fan público o Manifesto de Ventotene no que expoñen a necesidade de construír a Europa dos pobos, federada e solidaria. Políticos e intelectuais de toda Europa, e de moi diversas tendencias, secundaron esa idea.
En España, ese ideal europeísta e internacionalista agochou nos que loitaban contra o franquismo. No recente e espléndido libro de Varoufakis e Pisarello (Un plan para Europa), dísenos con acerto que «nalgunhas partes como Cataluña, o País Vasco e Galicia, o europeísmo era tamén algo máis. A oportunidade para un recoñecemento pleno da propia entidade nacional. Do dereito democrático a que as xeracións presentes puidesen decidir libremente o seu futuro».
Ese ideal europeísta atopou eco na Galicia dos anos cincuenta e seguintes. Coñecelo e valoralo é unha obriga para quen queira ter unha idea cabal do noso máis recente pasado, á marxe da histeria e do sectarismo. Xa adiantamos na pasada semana o moito que a ese fin vai contribuír o coñecemento do arquivo de J. M. Azaola.
A falta de democracia e de transparencia nos principais órganos da UE, din os citados autores, son eivas para a credibilidade do europeísmo, así como tamén a irracionalidade das políticas de austeridade ou a escasa solidariedade que aquela vén demostrando cos pobos e xentes do Sur e do Este europeos.
O ideal está tan vivo hoxe como onte. A súa execución ten sido unha desfeita. Por iso o que cómpre é corrixir o rumbo, oposto ás ideas iniciais, que nos está levando á irrelevancia. A necesidade preme con forza. Un camiño de esperanza vémolo nas ideas dos citados autores, un plan con múltiples adhesións xa en todo o continente. Se volve a intelixencia, Europa sairá do abismo. Seguro.