Anda o mundo do celtismo revolucionado coa posibilidade de que un clube histórico, camiño do centenario (1923), coas cores de Galicia no seu uniforme e o celtismo, ese invento de Manuel Murguía, como bandeira, acabe nas mans de propietarios asiáticos, os novos ricos do mundo. Abofé que se Wenceslao Fernández Flórez ou Julio Camba estivesen en activo habían ter asunto fino que tratar, co humor e a retranca que os caracterizaba. Pero eu non teño o talento de don Julio e de don Wenceslao. Nin eles están aquí. Son os tempos, e é dende esta realidade (a globalización), alén de patriotismos localistas, como cómpre enxergar a cuestión.
O gran activo das empresas de futbol fundaméntase no seu valor simbólico, na medida en que concitan a paixón e a lealdade das bancadas, que se recoñecen nunha representación (simbólica) e asumen o xogo da afirmación competitiva (a identidade local) fronte a outras representacións.
Un xogo que activa paixóns e move moito diñeiro: a publicidade, as televisións, a compra e venda de xogadores, os seareiros? Unha parte da paz social está instalada nesta sublimación colectiva do balón.
Anda o celtismo revolucionado, repito, coa posibilidade de que a propiedade do clube derive cara a outros espazos (outros centros de decisión). ¿Qué pasará cando o Celta teña que afrontar momentos difíciles, non compita nas divisións de gala ou teña que afrontar investimentos que non sexan economicamente rendibles?
Pois sucederá o mesmo que sucede noutras empresas: que o que conta son os resultados, a realidade do mercado que poida sostelos (os afeccionados) e o balance de ingresos e gastos que compense os investimentos da propiedade (o accionariado). Son os tempos.
As transnacionais están aquí: no mundo da automoción, no mundo da industria textil, na acuicultura, na pesca, na conserva, no viño, na minería, na construción naval, no sector editorial, na enerxía? ¿Por qué o futbol había de ser a excepción? No movemento económico dos grandes mercados, os inversores veñen de onde veñen (os xeques árabes, os millonarios rusos, os chineses) e buscan todos o mesmo: posicionamentos para facer caixa, ben procurando plataformas dende as que obter unha dimensión pública que lles permita acceder a outras operacións, ben procurando directamente o beneficio. A industria do futbol presenta as dúas características: a proxección social cara a outros negocios e as oportunidades de negocio de seu, sempre que o balón entre na portería.
Que llo pregunten ao defunto Jesús Gil no Atlético de Madrid, ou a Florentino Pérez e outros que viñeron antes (e que virán despois). Sen esquecer ós Caneda no Compostela, ou ós Lendoiro no Dépor? O capital opera alí onde considera que pode obter rendibilidade. Custoume moito convencer a un taxista hai algúns anos, en Madrid, de que o Atlético non era dos socios senón do accionista maioritario, que move as fichas segundo a súa libre (e lexítima) consideración.
O coitado viña de facer socio do clube ao seu netiño, para que continuase todo dentro da familia.