Nestas semanas todos pensamos no PSOE pero cada vez temos máis dúbidas de que no PSOE haxa alguén que pense. Se desenvolvemos o fío do último mes comprobaremos que todas as decisións foron tomadas en negativo. O Comité Federal decidiu a abstención que facilita a investidura de Rajoy co argumento de non ter que ir a unhas terceiras eleccións; dixeron que sería un desastre volver votar aínda que nunca explicaron por que. A xestora que ocupou Ferraz comunicou á xestora galega a prohibición de convocatoria dun congreso no que os militantes poidan votar para elixir unha dirección. Os críticos de Pedro Sánchez -os actuais xestores-, forzaron a dimisión dun secretario xeral elixido polos militantes en primarias -a man alzada, despois de impedir o voto en urna- para evitar a convocatoria dun congreso e primarias nas que puidera votar toda a militancia.
Evitar votar non é unha estratexia política en positivo. Non en democracia. Non para os socialistas e os demócratas. Aventúrome a opinar. Non sinala unha estratexia de futuro definida e activa. Por iso pregunto: quen pensa no PSOE? Porque non se ve por ningures un grupo de dirixentes que recoñecendo o contexto fagan unha análise concreta da realidade, que avalíen as dificultades e oportunidades ou que simplemente apliquen unha desas gastadas análises DAFO (debilidades, ameazas, fortalezas, oportunidades). Só vemos a cobiza e a ambición de poder da que falaba Tucídides (o historiador clásico, non un opositor a Tsipras) para explicar a decadencia de Grecia. Antes vimos a resistencia a un prolongado asedio contra a dirección por vía intra e extrapartidaria, mediática e extraparlamentaria, que deixou pouca marxe para pensar aos asediados.
Todos sabemos por que o PSOE dá a impresión de carecer de visión estratéxica. Hai unha parte importante do PSOE -pódese cartografar e facer unha pirámide de idades- que non pode ter visión de futuro porque só ten visión de pasado. Son os que consideran que os cambios que estamos vivindo no sistema político non se consolidarán. Que agora que o PSOE está moi en baixa ten que permitir que goberne o PP para esperar a que todo volva ao rego: que baixe a marea, o verbo poder conxugue en pasado negativo e os cidadáns de centro-dereita volvan ao PP. Dentro dun tempo, cando iso ocorra, o PSOE volverá gañar unhas eleccións e xa está. O conto do bipartidismo farase realidade e voilà!
Esta miope visión non ten en conta o que pasa con Cataluña, ademais de descoñecer os cambios da crise, non valorar o cambio social, nin albiscar os culturais. E a ollada duns funcionarios de partido que non miran pola fiestra pero seguen conectados por teléfono cos antigos dirixentes das portas xiratorias. Non repararon que nin os inquéritos demoscópicos nin os programas de debate político nos medios logran atinar coa verdade. Confían en evitar escisións e garantir disciplina, atrevéndose mesmo a ameazar -outra volta- ao que queda do PSC, que segue sendo como é evidente o máis brillante do PSOE. Buscan evitar unha escisión, sen decatarse de que a verdadeira escisión, a dos seus votantes, xa se produciu e despois de darlle o Goberno a Rajoy só ten trazas de aumentar. Onde eles ven estabilidade pode que os seus votantes vexan unha grande coalición entre Rajoy, Felipe e quen non queren declarar no xuízo da Gürtel.