Os clásicos gustaban moito da parábola da viña. Non hai moitas semanas, coincidindo coas eleccións galegas do 25S, falaba eu aquí da necesidade de «recuperar a política» e de como, despois duns comicios, sempre se poden ver as cousas de dúas maneiras: coa ollada no futuro, virados cara adiante, ou co resentimento do pasado, lambendo danos e feridas. Adianto que a segunda posición só conduce á depresión e á melancolía. Mesmo dende a derrota, os que se consideren derrotados, a posición correcta é sempre a de pensar e traballar en futuro. Deprender dos fracasos, se sabemos reflexionar sobre eles, é un dos principios da sabedoría. E o mesmo podemos dicir respecto de quen se considere gañador. Non hai posicións definitivas. Nunca a conquista está totalmente consolidada. Cada experiencia nova enriquece a experiencia xeral e a transforma. Así se constrúe o coñecemento.
¿Onde quero ir parar? Pois que este ano de voltas e reviravoltas para concretar unha saída ao Goberno do Estado, non ten por que considerarse nin coma un fracaso nin coma unha perda de tempo. A democracia española está consolidada, mais é perfeccionable, como todo produto dos seres humanos, e ao camiño ideal da perfección, nunca logrado de todo, pero que é necesario transitar, só se accede dende a experiencia e dende o coñecemento que dá a experiencia, ás veces seguindo o modelo clásico de erros e acertos, sempre que saibamos tirar leccións de cada paso que damos. Serve para afrontar a vida no ámbito persoal e, naturalmente, no ámbito colectivo.
Mariano Rajoy, como nos lembra o proverbio árabe, tan distante da aceleración propia de Occidente, vén de acadar a presidencia do Goberno sen mover practicamente un centímetro a posición. Debemos recoñecer que é o seu estilo, marca da casa, que outros consideran característica da sabedoría galaica (intelixencia pasiva). O novo presidente do Goberno accede á presidencia sen comprometer concesión ningunha (xa veremos en que quedan os 150 puntos acordados con Ciudadanos), afirmándose nos principios básicos de toda a súa política anterior, sen autocrítica, e deixando a oposición certamente quebrada, en galego podemos dicir que escangallada. Cangallo: acio que non se logra na uveira, ou que queda a medias cando lle chove na purga, ou medio desfeito despois do ataque do mildio. Pois iso. Non hai outra solución que non sexa agardar a nova xeira: chapodar, limpar a leña vella, escolmar as guías máis vizosas, volver atar, compoñer novamente a parra e procurar un tratamento de prevención (estratéxico) máis atinado, á espera da nova vendima. Non me refiro exclusivamente ao PSOE.
Os verdadeiros desafíos comezan a partir de mañá, luns. Unha cousa é a investidura, que custou case que un ano concretar, e outra cousa moi distinta e bastante máis difícil vai ser o Goberno, a prosa de cada día, nun contexto e nunhas condicións certamente novidosas: o sistema parlamentario español nunca se enfrontou a unha pluralidade de talantes e propostas tan variada e complexa. Como a propia realidade.