Abaixeza política dos últimos acontecementos destes días non deixa de ser preocupante: ¿como é posible que un partido que foi exemplo de democracia dende a súa fundación, que sempre loitou por ela e que por ela se sacrificou, de súpeto se volva un verdadeiro negacionista da democracia, mesmo como se tivese medo dela?
¿Ou é que cabe outra interpretación de feitos como defenestración por métodos non democráticos -máis ben golpistas- do secretario xeral, habendo como había medios legais para facelo, expresamente previstos na regulamentación interior do partido -o voto de censura-? ¿Por que tanto medo ás primarias, chegando recentemente a desautorizar aos socialistas galegos, que pretendían celebralas?
O mesmo pode dicirse da negativa a recoñecer as firmas dos afiliados que, á vista da anómala situación do partido, procuraban a convocatoria dun congreso extraordinario. É de supoñer que a militancia, e tamén os non militantes, non recoñezan como seu a un partido que desconcerta por tanto medo á democracia.
¿E que democracia poderán ver, militantes e non militantes, nese salvamento a Rajoy, quen impediu que o PSOE gobernase despois das eleccións do 20D, absténdose, para agora concederlle o premio dunha abstención que o ampara dun partido que semella andar tan mal de memoria e tan escaso de coherencia? Pode que teñan razón os que pensan que o contaxio dos dirixentes do PSOE co poder financeiro levou ao partido de Pablo Iglesias (Posse) á dereitización, ao escaso entusiasmo pola democracia, a asemellarse máis cada día ao poder e a afastarse máis e máis dos traballadores: das súas siglas xa só resta o P de partido -partido en dous- e nin sequera o E, se vai quedar reducido a unha opción para xentes ao sur de Despeñaperros.