O trampantollo da grande coalición

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

01 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A grande coalición foi pensada, formulada e desexada dende hai varios anos por bustos parlantes e comentaristas políticos convertidos en combatentes ideolóxicos. Todo empezou no 2014 cando se fixo evidente que novas forzas políticas ían irromper no escenario político do bipartidismo á vez que o xiro centralizador pechou as demandas de autogoberno de Cataluña. Pero confirmado que España non é Alemaña e que, tamén nisto, a historia pesa moito, procuráronse novas solucións e chegamos a que o PSOE permita o Goberno en minoría dun PP devastado pola corrupción. Antes apareceu un novo partido entre ambos os dous, limpo de corrupción, neoconstitucionalista e de solucións liberais. Ciudadanos veu sendo a versión acelerada dun partido gonzo presentable que ao final os socialistas non puideron aproveitar para unha pseudo grande coalición. Hai dous anos os inquéritos deron un empate técnico entre as dúas forzas estatais vellas e as dúas novas. Entón o PP propúxose resistir dende o Goberno, a toda costa e a todo risco, e abofé que o fixo.

A resistencia do PP a conta da debilidade do PSOE logrou esta abstención que a xestora socialista só logra argumentar dende un patriotismo pobremente formulado. Primeiro España e logo o partido, foi o argumento para manter a Rajoy. Unha idea que foi formulada primeiro polo PP e por Ciudadanos. Como é posible que o PSOE non tivera capacidade de definir posición e discurso dende o seu propio e inequívoco espazo? O asunto merece reflexión. O patriotismo de vello cuño, a falta de mellores ideas, sempre foi escusa para as maiores torpezas. Síntoma dese vello patriotismo é que Javier Fernández afirme que non é o mesmo gobernar unha comunidade autónoma, nas que se atende a políticas sociais e de benestar, pactando con Podemos que gobernar España. En que pensa que consiste gobernar hoxe un Estado da UE? A OTAN da guerra fría? En que pensa que consiste un Goberno da esquerda?

Neste proceso descubriuse a vella ideoloxía que ten o Estado na cabeza, a nación no corazón e o imperio nos intestinos. Ademais están os intereses, claro, pero hoxe en día están sobradamente publicados e hackeados. Esa vella ideoloxía de trampantollo máis os intereses que cren sosterse nela levaron a un novo Goberno de Rajoy. A dúbida agora é canto durará esta lexislatura. Pois depende, pero todo indica que o PSOE queda atado ao PP e atrapado na súa ameaza de convocar eleccións se «non nos permiten gobernar». O novo mantra que substituirá ao de «evitar as terceiras eleccións». O nivel de inestabilidade provocado na xestación deste Goberno provocará un esforzo pola estabilidade que forzará posiblemente moitos mecanismos, ao xeito que xa vemos co uso da vara pola presidenta Pastor nos debates do Congreso. Non é un prognóstico arriscado.

Tampouco hai poucas dúbidas de que o PSOE perdeu toda a forza moral que o acompaña dende 1977. Cando Hernando, Blanco ou Díaz reivindican a gloriosa historia do PSOE non reparan que a memoria dese pasado que acompaña aos militantes está sustentada en lembranzas, relatos familiares, posicións morais e políticas de moi longo percorrido e, sobre todo, moitos sentimentos. Non hai nada parecido a esta abstención na memoria dos socialistas, nin sequera a colaboración de Largo Caballero con Miguel Primo. Entendeuno moi ben Rufián.