Hai uns días fixéronlle unha homenaxe a Camilo Nogueira, un recoñecemento polo seu compromiso co país durante toda a vida. Houbo unha cousa que me gusta moito do acto: alí estiveron representadas as distintas forzas políticas que coexisten no noso territorio. Esquecéronse as cores e as correntes por un momento.
Aínda queda esperanza para o futuro se é que, nalgún instante, podemos enchernos de cordialidade e esquecer todo o demais cando a grandeza humana o require. Pero aínda queda algo que me gusta máis. E é que Camilo intentou por todos os medios evitar a homenaxe. Non a quería. Non a necesitaba. Non lle parecía ben. Pediu unha e outra vez que deixasen de insistir no tema. Camilo, creo, sempre foi discreto. A piques estivo de conseguilo, ata que Xan López Facal deu coa fórmula: «Mira, nós imos facelo e, se queres, non vaias». Así que foi. Para escoitar unha e outra vez que era un teimudo. E eu sorrío, pois tamén o son, porque por máis que me desespere, unha e outra vez, sei que a constancia é o único camiño para manter os soños vivos e, con sorte, facelos medrar. Camilo merecía esa homenaxe, con todos unidos ao seu redor. Porque foi teimudo na loita polo que consideraba xusto para a xente do seu país. Por se non o saben, traballaba na factoría de Citroën, de onde o despediron por participar nunha folga. Saben que fixo coa indemnización que lle correspondeu? Entregala á Caixa de Resistencia de Ascón para manter os traballadores do estaleiro. Só por iso merece unha homenaxe.