320 millóns de armas

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

22 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos mellores tempos do fascismo falaríase doadamente do «espírito dos pobos» e mesmo das «razas puras». Por fortuna, hoxe sábese moito de psicoloxía social e do ADN: son outras as razóns que determinan o comportamento da xente que habita e fai andar os países. 

Estes días fálase á fartura sobre os Estados Unidos de América (así autodenominados cando ninguén imaxinaba o que virían ser, por exemplo, o Brasil e o México). Coa respiración contida, o mundo atende ao que vaia pasar tras da vitoria do Trump, en aparencia wasp (branco, anglosaxón, protestante) e comedor de fígados estranxeiros, con grande apoio nacionalista. Daquela, conviría repasar algunhas cifras do mundo ianqui -persoas e industrias- que o apoia. Falemos de armas en base a información fiable (o FBI polo medio).

Nos EE. UU. pode haber en mans privadas máis armas de fogo ca habitantes censados: uns 120 millóns de pistolas, 90 de escopetas e 110 de rifles (moitos destes, de asalto). Ao ano prodúcense máis mortes a tiros que por accidente de estrada. En máis do 40 % dos lares de América hai varias armas de fogo...

Moi probablemente haxa un revólver nas mesiñas de noite do Donald e da Hillary. Esperemos logo que á derrotada non lle dea un mal vento (os suicidios chegan ao sesenta por cento das mortes por bala nalgunha zona do país).