Tres lexislaturas perdidas para o emprego

Manuel Lago
Manuel Lago TRIBUNA

OPINIÓN

29 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta de Galicia comezou a nova lexislatura co que, a primeira vista, pode parecer un obxectivo ambicioso: que nos próximos catro anos o emprego en Galicia aumente entre oitenta mil e cen mil persoas. Sen embargo, unha análise en perspectiva desta proposta demostra que na realidade estase recoñecendo un fracaso.

Coas últimas cifras oficiais do INE -os datos do terceiro trimestre do 2016- sabemos que agora hai en Galicia 98.300 empregos menos que no trimestre do 2009, cando o PP volveu presidir a Xunta. Polo tanto, aínda que se cumprise o obxectivo que formulou Núñez Feijoo no seu discurso de investidura, no 2020 o número de persoas traballando en Galicia estaría por debaixo das que había cando el ocupou por primeira vez a presidencia da Xunta.

Por iso, o título do artigo: tres lexislaturas perdidas para o emprego, porque no mellor dos casos, despois de doce anos de goberno, volveríamos a estar como estabamos no 2009. Doce anos para volver á casiña de saída, ao ano máis duro da recesión, unha época terrible para o emprego que o entón líder da oposición e candidato do Partido Popular cualificaba, con toda a razón, como un desastre.

Por iso é tan difícil de entender que volver ás cifras dese desastre sexa o obxectivo central do Goberno para os vindeiros catro anos. A explicación deste feito tan sorprendente é que Feijoo é vítima do falso relato sobre a eficiencia da súa xestión, especialmente nos temas de emprego. Porque os datos din que dende que empezou a crise económica ata que el chegou á presidencia da Xunta, abril do 2009, perdéronse 49.000 empregos. E sen embargo, dende entón, co PP gobernando en Galicia e dende o 2011 en España, destruíronse 161.000 empregos. Para que se entenda ben, tres de cada catro empregos que se perderon en Galicia na crise o foron baixo gobernos presididos por Núñez Feijoo. Estes son os datos, esa é a historia real e por iso agora, aínda cumpríndose a promesa de creación de emprego, no 2020 habería o mesmo número de persoas traballando que no 2009. Un retroceso demoledor de doce anos.

Retroceder en lugar de avanzar. A partir destes datos, é fácil entender que esta pasando co benestar, coas pensións, coa demografía, coa pobreza laboral, coa desigualdade, etcétera.

Menos emprego, pero tamén emprego de peor calidade, porque como consecuencia das reformas laborais tense producido un profundo deterioro na calidade do emprego, aumentando o traballo precario, cun peso crecente dos contratos temporais, do traballo a media xornada, dos falsos autónomos e dos empregos con salarios tan baixos que converten en traballadores pobres a quen os cobra.

Diante desta realidade é obrigatorio facerse unha pregunta: de que recuperación se está a falar se o obxectivo é chegar no 2020 ao mesmo numero de postos de traballo que había no 2009, que foi o ano da maior crise económica e laboral da historia recente de Galicia?