Artes para ocultar a realidade

OPINIÓN

02 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A práctica política foi creando moi diversas formas de manipulación, pode que en todo tempo, pero dunha maneira que abraia nos nosos días. A manipulación da linguaxe, e con ela dos conceptos, constitúe unha arte indispensable para o exercicio da política -e cando máis curta e baleira máis indispensable-. Termos como populismo, posdemocracia, posverdade, cuñadismo, entre outros moitos, ou expresións como «non hai alternativas», «polo ben de España», «partidos constitucionalistas» , «nacionalismo excluínte» -ou periférico, nunca o español- entre un sen fin delas, semellan trapelas non só para ocultar a realidade, senón máis ben para crear outra realidade -a que interesa aos que usan deses recursos e que pouco teñen que ver coa realidade-. Pero que chegan á sociedade, contribuíndo á súa desorientación e alleamento. Toda esa linguaxe ten un común denominador, como sostida por un mesmo espiñazo, que podemos chamar manipulación, estafa, garola, baduada e semellantes. Dito con toda claridade: do que se trata é de mentir, de ocultar a realidade e, á par, mostrarnos outra conforme aos intereses dos mentireiros. Pero, ao meu ver, o máis censurable do caso é que esa linguaxe revirada, elusiva ou deturpadora sexa tamén asumida por medios, politólogos e opinadores, caendo na trapela dos políticos. Isto si que é moi grave porque, desa maneira, contribúen a ocultar a realidade aqueles dos que un agarda que axuden a comprendela.Polo demais, esa linguaxe revirada non fai senón patentizar retortas actitudes, xente turbia e aínda baixeza moral, que acae mellor a baduantes de feira, que non a cabezas dirixentes. A linguaxe é a mellor maneira de transparentar o que en realidade somos. Dime como te expresas e direiche quen es.