Pacto educativo

OPINIÓN

12 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ahistoria da nosa educación en democracia está caracterizada pola permanente controversia entre as reformas implantadas polo PSOE e o intento de sacar adiante as súas, por parte do PP. O primeiro fracaso deste partido foi o Decreto de Humanidades, de Esperanza Aguirre, no 1997, que non acadou votos suficientes no Congreso. Xa con maioría absoluta, a finais do 2002, o Goberno de Aznar consegue aprobar a Lei de Calidade da Educación (LOCE), pero esta non chega entrar en vigor, pois Rodríguez Zapatero paraliza a súa implantación no 2004, derrogándoa dous anos despois coa aprobación da LOE. Novamente con maioría absoluta, o Executivo de Rajoy consegue sacar adiante a LOMCE, hai tres anos.

Unha serie de atrancos encadeados paralizan esta reforma: falta de consenso inicial; intransixencia do ministro Wert; unión en contra dos axentes sociais e partidos políticos da oposición ou perda da maioría absoluta. O PP e o propio Goberno deixaron axiña esta lei aos pés dos cabalos, convencidos de que xa non podía salvarse. O Real Decreto Lei aprobado recentemente polo Congreso, que anula os efectos académicos das avaliacións finais de ESO e bacharelato, pódese considerar o seu epitafio.

Os gobernos socialistas aprobaron catro leis, que son as que realmente rexeron o sistema educativo. Aínda que houbo aspectos positivos, especialmente no ámbito da escolarización, a equidade educativa e a igualdade de oportunidades, creouse unha cultura do facilismo e da promoción automática, que prexudicou moito a calidade do ensino. Os alumnos carecen dunha sólida formación básica, o que repercute tanto nas etapas educativas posteriores, como na capacidade para aprender ou desenvolverse na vida. A taxa de abandono escolar está moi alta. Non funcionan avaliacións externas obxectivas que permitan incidir nos puntos débiles do sistema. Entre as comunidades autónomas hai diferenzas cada vez máis graves. E un longo etcétera.

No 2010, o PSOE fracasou no intento dun pacto educativo, liderado polo ministro Gabilondo. Seis anos despois, segue a ser imprescindible, como base dunha normativa estable que evite os constantes bandazos aos que ven estando sometida a educación. Aínda que sexa un acordo social e político, deberá dar preferencia ao aspecto técnico sobre o ideolóxico, pois o contrario sempre alporizou as posturas e afastou o debate dos obstáculos reais do ensino.

En calquera caso, o verdadeiro problema da nosa educación non é a carencia dun pacto ou dunha lei, senón duns valores esenciais que teñen que ser inculcados fóra do ámbito escolar. Os hábitos de traballo intelectual, o sacrificio e esforzo, o control dos tempos de ocio ou a motivación, corresponden á familia, non á escola. Como dixo T. Husèn, a reforma da educación non pode substituír á reforma da sociedade.