Primeiras ordes executivas

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

22 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O único Presidente dos Estados Unidos de Norteamerica que non chegou a asinar unha soa orde executiva («executive order») foi o noveno da serie, W.H. Harrison, pero porque morreu en marzo de 1841 aos 32 días de acceder á presidencia. Todos os demáis presidentes norteamericanos aprobaron ordes executivas, comezando polo primeiro, George Washington, que prohibíu a interferencia dos cidadáns norteamericanos na guerra anglo francesa porque o Congreso non estaba reunido. Posiblemente a máis trascendente de todas as ordes executivas da historia é a que dictou en 1863 Abraham Lincoln, aproveitando os poderes excepcionais que lle daba o estado de guerra, para liberar aos escravos (dous terzos do total) dos estados sureños, dous anos antes de que o Congreso aprobase a decimoterceira emenda á Constitución para abolir a escravitude. As ordes executivas son unha excepción á estrita división de poderes entre o lexislativo e o executivo que establece a Constitución dos Estados Unidos; e por tanto, e ao igual que sucede cos nosos decretos-lei, son figuras xurídicamente controvertidas. Formalmente, presentanse como unha instrucción á propia administración; pero teñen forza de lei e polo tanto poden ser enxuizadas polos tribunais. Co tempo, a sinatura da primeira orde executiva tense convertido nun paso máis dentro do ceremonial do día da toma de posesión do presidente electo, como exteriorización da asunción do poder e de que se está ao mando. Pero tamén revelan a vontade programática de quen ven de asumir a maxistratura presidenciale do que cada presidente considera prioritario no seu mandato. A primeira orde executiva de Roosevelt, no ano 1933 e tras o crac do 29, foi de contido bancario, prohibindo aos bancos a provisión de moeda ou valores en ouro aos particulares. Ao día seguinte de xurar o cargo en 1961, Kennedy aprobou unha orde executiva para distribuir alimentos con cargo a fondos federais entre as familias necesitadas. A primeira de Nixon, no 1969, en plena revolta estudiantil e social, foi para crear un Consello de Asuntos Urbanos para promover a convivencia nas cidades. A primeira de Carter, tamén ao día seguinte de xurar, para amnistiar aos conscriptos que evadiran o servizo militar en Vietnam. Reagan, pola súa parte, tardou sete días en asinar a súa primeira orde executiva: para liberalizar o mercado de produtos petrolíferos refinados. Bush, o pai, aprobou aos catro días de xurar a Constitución a creación dunha Comisión Presidencial para a ética na reforma das leis federais. O seu sucesor, Bill Clinton, asinou a súa primeira orde para levantar a prohibición de asesorar sobre o aborto nas clínicas financiadas con fondos públicos. E George Bush, fillo, estrenouse cunha orde executiva pola que as axencias públicas estaban obrigadas a colaborar coas organizacións sociais e comunitarias para que a acción pública obtivese «resultados compasivos». Obama, debutou cunha orde revocatoria doutra anterior que limitaba o acceso á información sobre os presidentes norteamericanos; que por certo foi transformada polos movementos radicais da dereita, Trump incluido, en exactamente o contrario: nunha norma supostamente aprobada para ocultar o seu nacemento fora do territorio dos Estados Unidos. Trump, onte, asinou as súas primeiras ordes executivas. A primeira, para prohibirlle ás axencias federais a imposición aos contribuíntes de cargas económicas ou taxas dirixidas a soster o programa de sanidade público impulsado por Obama (o Obama-care). A segunda, para abaratar os custos administrativos das hipotecas. Viña de solicitar a axuda divina para poder cumprir o seu xuramento de defender a Constitución norteamericana. A Constitución que consagra a estrita división de poderes para controlar aos presidentes.

Á luz das súas primeiras dúas ordes executivas nin sobra a división de poderes, nin, por se acaso, un pouco de axuda divina.