Vaia por diante que gusto das linguas, pero non comparto a obsesión dalgúns políticos por aparentar que saben inglés. Non sabería dicir se se debe á ousadía, á falta de pudor ou a un complexo de inferioridade. Así, nos últimos tempos acudimos, abraiados, a momentos ridículos duns dirixentes que meten a zoca ao non saber distinguir o seu auditorio. Queda para a historia paródica do despropósito tanto o discurso de Ana Botella na presentación da candidatura de Madrid aos Xogos Olímpicos 2020, como o acento texano de Aznar tras reunirse con Bush, ou o «It´s very difficult todo esto» que lle espetou Rajoy a David Cameron en Bruxelas.
Agora súmase ao grupo dos destemidos o ex presidente Zapatero, que levou nada menos que á prestixiosa universidade de Oxford o seu inglés eivado, no máis puro estilo macarrónico do desaparecido Jesús Gil. Xa Franco, nun intento por finxir que estaba a se relacionar con outros países para sacar a España do seu illamento internacional, leu na televisión un discurso en inglés que se podería engadir a esta grotesca familia de atrevidos.
Con todo, este caso garda unha diferenza notable cos anteriores, e é que, nesa altura, o speech do ditador ía dirixido a unha poboación que descoñecía o inglés.
Agora, quen máis quen menos, sabe algo do idioma e sente vergoña allea, non porque os políticos o usen, senón porque o fagan en ámbitos que, de primeiras, deberían esixir outro nivel.
Nestes tempos, os dirixentes xa non teñen a sorte que, de mozos, tiñamos algúns, cando nas vilas só se estudaba francés. Daquela, no noso grupo de rock, por exemplo, podiamos cantar os temas nun inglés inventado e o auditorio non parecía decatarse da impostura, ou si, quen o sabe.