Escándalo

OPINIÓN

14 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O escándalo vai barato para a xente que se leva mal coa ironía e a diversión. Vendo a polémica do cartel de entroido que obriga o concelleiro de Culturas da Coruña a declarar diante dun xulgado, non deixo de cavilar en cantos en Xinzo estarían presos por ofender toda clase de sentimentos, non só relixiosos, por mor dunha festa que existe precisamente para iso, para ser irreverente. A denuncia da Asociación de Viúvas de Lugo é tan ridícula que non tería maior importancia se o xulgado de Instrución da Coruña non abrise as pescudas, ameazando así un ben tan prezado como a liberdade de expresión. O asunto non ten demasiado percorrido xudicial, pero talvez anime a outros inquisidores a se escandalizaren por calquera parvada coma esta. Isto lévame a un daqueles fabulosos venres de teatro en Culleredo, cando un cartel con bonecos e animais xigantes nos fixo crer a todos que era unha obra apta para todos os públicos. E non. A sorpresa foi que, unha vez dentro, axiña nos decatamos de que tiña certa carga pornográfica, malia os protagonistas seren bonecos articulados. Como era de supor, o auditorio baleirouse no primeiro acto e os pais fuxiron cos fillos tapándolles os ollos e así evitarlles esas escenas tan explícitas. Nós, pola contra, ficamos. Cada pouco mirabamos de esguello para as nosas fillas e esculcabamos a súa reacción. Como nos intres de maior tensión sexual elas rían con aqueles personaxes desinhibidos e histriónicos, non abandonamos as cadeiras. A obra era boa. Só nos preocupaba atopar as respostas para todas as preguntas que, con certeza, ían xurdir no remate de semellante espectáculo. O curioso foi que só tiñan unha, iso si, unánime: por que marchara a xente do teatro?