Pagarano coa vida

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

Un médico con moita experiencia en aparato dixestivo comentábame hai meses que ao principio da súa carreira operaba moitos cancros de estómago. Engadía que, co paso dos anos, foi vendo a baixada da súa incidencia e a subida do colorrectal. No Sergas sábeno e comezaron un programa de cribado masivo de cancro colorrectal, dirixido a persoas entre 50 e 69 anos. Baséase nunha proba moi sinxela, que fai cada persoa na súa casa pinchando nas feces cun bastonciño que mete logo nun frasco. O Premio Nobel de Medicina Harald zur Hausen, durante unha visita a Galicia no ano 2014, xa insistiu no bo dos cribados de certos cancros coma o de cérvix ou colon, ao lembrar que tardan anos en desenvolverse e no seu camiño, mesmo antes de aparecer, van deixando uns sinais que poden detectarse. No caso do colorrectal, saen unhas feridas que poden sangrar ao paso das feces, e aí está a idea da proba: se nelas hai sangue, soa a alarma e hai que facer unha colonoscopia. 

A proba, malia ser sinxela, ten boa fiabilidade. Sorprendentemente máis da metade das persoas rexeitaron facela. Sinto dicir que algunhas delas pagarán coa súa vida esa insensatez. Se un non detecta a tempo esas feridas van medrando e, cando finalmente aparecen síntomas fortes, en moitos casos desgraciadamente xa non hai remedio. 4 ou 5 persoas de cada 100 que a rexeitaron levan dentro unha lesión premaligna, que poderá converterse nun cancro. Se iso é así, lamentarán non ter dedicado no seu momento un minuto para facer a proba do bastonciño.