Quixeron convencernos de que toda a riqueza que manexaban creábana dende a «cultura do esforzo», a iniciativa privada e o emprendemento, negociando no mercado libre. En realidade, baixo as caretas dos pollos pera e os fillos de papá con MBA agochábanse os estraperlistas de toda a vida. Non, Madrid nunca foi Wall Street, nin sequera Barcelona coa súa propia corrupción, a nova do 3 % ou a vella contada por Mendoza e Montalbán. Tampouco foi o Bilbao de enxeñeiros e banqueiros, nin A Coruña ou Vigo: nin polo forro. Correa, Bárcenas, Púnica, Lezo mais as extensións de veraneo en Valencia e Palma debuxan unha cartografía na que os negocios privados dos gobernantes son desfalcos derivados da súa posición e dependen e alimentan un capitalismo de amiguetes, sen tiburóns, nin lobos, nin despiadadas intelixencias para os negocios. O control do Estado e os seus resortes, incluído o policial e o xudicial cando puideron, foi a chave do seu negocio e a súa riqueza.
Non eran subvencións, gabelas, nin mamandurrias, nin sequera empresas pantasmas de eventos con sobrecustes xenerosos, foron privatizacións fraudulentas, concesións amañadas e unha práctica continuada de extracción dos recursos públicos coa colaboración dese capitalismo de amiguetes hispano que non vai ao Madison Square Garden ver aos Nicks en primeira fila, senón a palcos balompédicos ben coñecidos e retratados. Eses negocios tiñan tanto parecido con Wall Street como Esperanza Aguirre con Friedrich Hayek. Algo se anunciaba xa para quen quixo velo, na forma inequivocamente mafiosa da chegada ao poder na Comunidade de Madrid de toda esta tropa, con repetición de eleccións incluída. O plan de negocio pasaba por controlar a comunidade coa colaboración da «rubia tonta», como lle chama agora J. A. Zarzalejos, até construíren en Madrid un pozo sen fondo ao que sucumbiu parte da cidade-Estado, mentres outra parte o combateu como puido, as veces con éxito (Marea Blanca) e outras moitas sen éxito pero con razón (Canal de Isabel II).
O que custou a corrupción aínda non foi estimado, pero poderán facerse varias teses de doutoramento. O custe non é broma nin cascarilla para populistas de barra. Só nas obras públicas os sobrecustes nos orzamentos estímanse nun 5 % do PIB, nun Estado que rebaixou o investimento en I+D do 1,3 ao 0,7 % nos seis anos da crise. Facendo que hoxe os investigadores anden a pedir diñeiro convertendo o vello Domund en novo mecenado, outra careta.
O asunto non foi só un problema de moral pública, de descrédito do sistema político e institucional. Ese prezo pagouno e vaino seguir pagando o PP, alí onde se vaia descubrindo o veraneo estraperlista, sexa Murcia hoxe ou Galicia mañá.
Págao tamén un PSOE que denunciou o 3 % para logo retiralo no Parlamento catalán e que nunca afrontou o asunto, visto o visto, á altura do seu coñecemento. Pagará o complexo que tivo fronte á dereita inquisidora e as empresas que a dopaban.