A Xunta oculta ao Parlamento, de forma reiterada, unha información de especial relevancia que a cidadanía ten dereito a coñecer: cantos centos de millóns de euros nos está custando a decisión de Feijoo de endebedarse cos bancos en vez de acudir aos fondos públicos que o Estado puxo a disposición das comunidades autónomas a partir do 2012. Nese ano, en medio da crise da débeda pública, con dificultades de acceso aos mercados e altísimos tipos de xuro, coa prima de risco disparada, o Goberno central creou novos mecanismos de financiamento, como o Fondo de Liquidez Autonómica, dotados con abundantes recursos e a tipos reducidos dos que se beneficiaron a maioría das comunidades do Estado.
Un recente informe oficial do Ministerio de Facenda cuantifica en 44.484 millóns de euros o aforro que acadaron as autonomías por acudir a estes fondos, en vez de facelo nos mercados financeiros. Unha cifra enorme, da que Galicia, por decisión do seu presidente, apenas se beneficiou: só 126 millóns de euros, 57 veces menos que Andalucía, 87 veces menos que Valencia, e 125 veces menos que Cataluña.
Aínda que a Xunta nega a información, é posible facer unha estimación aproximada da factura extra que estamos pagando. Entre o 2012 e o 2015, a Xunta preferiu pedir prestados 7.057 millóns de euros nos mercados financeiros renunciando a acudir ao financiamento público, a pesares de que no 2012 os bancos cobraban un tipo de xuro 6 puntos por riba dos préstamos do Estado, unha diferenza que foi baixando pero que aínda era do 1 % no 2015. Tendo en conta este diferencial e os prazos de amortización dos préstamos, pódese calcular en máis de 1.600 millóns de euros o sobrecusto que estamos soportando.
Unha enorme factura da que se benefician os bancos e inversores privados e que pagamos nós con recortes e deterioro dos servizos públicos. Para facernos unha idea, con esa cifra teríase financiado a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo ou podería rescatarse a AP-9.
Pero esta enorme cifra é só unha parte do custe total, porque esta decisión irresponsable inclúe outra grave ameaza sobre as contas públicas galegas. O ministro Montoro xa emprazou á comisión de expertos que analiza a reforma do modelo de financiamento autonómico que valore unha posible condonación da débeda que teñen as comunidades co Estado, da que obviamente se beneficiarían máis aquelas que acudiron con máis intensidade ao FLA e que, polo tanto, nos prexudica a nós porque a maioría da nosa débeda está en mans de acredores privados.
A partir do 2016, a Xunta rectificou a estratexia e agora somos os que máis cartos lle pedimos ao Fondo de Financiación de las Comunidades Autónomas, pero aínda así só o 31 % do total da débeda pública galega está en mans do Estado, fronte ao 56 % de media, o 78 % de Murcia, o 77 % de Valencia ou o 69 % de Castela-A Mancha.
Se a metabolización da débeda acaba converténdose na clave para que as comunidades autónomas pacten o novo modelo de financiamento autonómico, a operación de propaganda de Feijoo custaranos varios miles de millóns de euros máis. Nunca na historia unha campaña de publicidade lle custou tanto a un país.