O programa económico da socialdemocracia

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

23 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Gañara quen gañara no PSOE a solución non está no líder, senón no programa económico. No que propoñan facer coa economía. Ese é o ámbito no que se produce o crecemento da desigualdade, no que os asalariados perden poder adquisitivo, no que se reparte ou non a riqueza producida pola sociedade, no que a crise evidenciou a inxustiza social, a reaparición da pobreza e o esmagamento das clases medias. Todo isto é unha obviedade histórica, si, pero non para a socialdemocracia europea que dende hai tres décadas empezou a abandonar as políticas correctoras da desigualdade económica que eran a súa bandeira: fiscais, salariais, laborais, industriais. Cando decidiu abandonar radicalmente a iniciativa pública pola privada. O conto funcionou cunha economía en crecemento, as políticas de europeas de cohesión e o recordo do nefasto comunismo soviético, até o 2008. Nesta longa crise, a socialdemocracia europea foise afundindo no lastre das súas cesións porque as maiorías non ven solucións que as beneficien. 

Hai xa tempo que a diferenza entre dereita e esquerda en Europa só se apreza no programa social, non no económico. Aí fíxose forte o PSOE. A xeira é coñecida: dereito ao divorcio, ao aborto, extensión de prestacións sociais, educativas e sanitarias que garanten a igualdade de oportunidades; máis recentemente o matrimonio gai e leis de igualdade de xénero foron o último estandarte dunhas políticas socialistas que non deron chegado á regulación da eutanasia. A maioría deses dereitos sociais, aínda sendo rexeitados pola dereita, foron axiña asumidos por esa mesma dereita que, do divorcio ao matrimonio gai, non tivo problema ningún en incorporar esas conquistas e mesmo liberarse con elas. Hoxe o problema está na economía e aí é onde esta socialdemocracia ten un teito de cristal.

Na crise os cidadáns xóganse o seu benestar coas políticas de transferencia de renda e coas condicións laborais e salariais. Os partidos socialdemócratas -PSOE incluído- afúndense porque non dan respostas nese terreo. Quedaron instalados na demonización do público como ineficiente, na preservación a ultranza da iniciativa privada en todos os terreos como única garantía de creación de riqueza, con consecuencias fiscais e laborais demoledoras. Rematouse coa progresividade fiscal crendo na ilusión de que as novas fortunas usaríanse para crear riqueza e non para o gasto suntuario. As reformas laborais levaron á precariedade para establecer unha nova disciplina e frear a transferencia de rendas.

Agora vemos o que vemos e os votantes volven saber que a chave está na economía. Agora significa reparto da riqueza producida, das vantaxes dos cambios tecnolóxicos e volta do privatizado ao público. O maior triunfo do neoliberalismo foi converter aos cidadáns en clientes. Dixérono Pickety e Owen Jones. Mesmo en Podemos vemos predominar o privado fronte ao público, o individuo usuario (de redes) fronte ao cidadán político. Sen un novo programa económico socialista e democrático non haberá futuro para a socialdemocracia. Teña cen anos ou mil.