Einstein en galego

OPINIÓN

25 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Albert Einstein (1879-1955) é o científico con máis sona do século XX; a súa imaxe é icona da xenialidade. Premio Nobel de Física 1921, fixo achegas relevantes en óptica, termodinámica, física estatística e física cuántica, da cal foi un dos fundadores. Tamén desenvolveu a teoría da relatividade (un dos cumios do intelecto humano) en dúas partes. A primeira en 1905, só aplicable a situacións restrinxidas de movementos uniformes: dela saíu unha famosa ecuación que deu orixe á era nuclear e tamén ao descubrimento de que tempo e espazo non son magnitudes absolutas. A outra parte, aplicable de modo xeral, completouna en 1915. Con ela proporcionou o que é a comprensión actual dos mecanismos da gravitación, superando a clásica visión que Isaac Newton formulara no século XVII. Dela xorde tamén a interpretación vixente da evolución do universo, incluído o big bang.

 Os resultados sorprendentes da teoría da relatividade non encaixan coas intuicións do ser humano; por iso, malia producirse xa en 1919 unha confirmación espectacular das súas predicións (a curvatura da traxectoria da luz ao pasar ao carón dunha estrela), tardou en ser aceptada totalmente pola comunidade de físicos ata case o ano 1960. A partir dese momento, o seu estudo e desenvolvemento viviron unha era dourada. A recente descuberta de ondas gravitacionais é froito dese traballo.

Hai agora cen anos Einstein escribiu un libro de divulgación para contar a súa teoría da relatividade ao gran público, obra que agora pode lerse en galego.