Galicia, récord de desemprego

Manuel Lago
Manuel Lago TRIBUNA

OPINIÓN

25 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

S eñor presidente da Xunta de Galicia: a maior preocupación da cidadanía é o emprego, algo que vostede debería compartir porque o paro e a precariedade laboral son o principal problema económico, social e persoal do país e, polo tanto, combatelo debería ser a prioridade do seu Goberno. A sociedade galega precisa de respostas claras as preguntas que reflicten a negativa evolución do mercado de traballo no noso país.

 Señor Feijoo, como explica que en Galicia haxa 136.700 empregos menos ca cando empezou a gobernar hai oito anos e que despois de tres anos de crecemento do PIB o nivel de emprego sexa moi inferior ao do 2009, o momento máis duro da gran recesión?

Como explica que nas dúas ultimas lexislaturas se destruíra un 11,7 % de emprego en Galicia fronte ao 4,3 % de media estatal?, ou, dito doutro xeito, como é posible que a perda de postos de traballo no noso país sexa un 275 % superior á media estatal?

Como explica que Galicia sexa a comunidade autónoma que máis emprego perdeu das dezasete que conforman o Estado español dende o 2009 ao 2017?

Como explica que na industria perderamos 46.000 postos de traballo dende o 2009 e que sexamos a comunidade que máis emprego industrial destrúe no Estado?

Como explica que, a pesar da nosa especialización produtiva e das nosas vantaxes competitivas, perderamos 20.000 postos de traballo na agricultura, a gandería e a pesca? No emprego primario tamén somos a comunidade coa peor evolución das dezasete do Estado

Como explica que logo de tres anos diso que desde o poder chaman «recuperación» siga habendo en Galicia 217.100 persoas sen traballo? Son 57.000 máis que hai oito anos.

Como explica que aumentara o 65 % o número de fogares con todos os seus membros en paro desde que empezou a gobernar? Xa son 75.000.

Como explica que se multiplicaran por dous os fogares que non teñen ningún ingreso laboral, nin salario, nin pensión, nin prestación por desemprego?

Como explica que dende o 2009 o desemprego medrara en Galicia seis veces máis ca na media do Estado? E, sobre todo, explíquenos por que a nosa comunidade é onde máis aumentou o desemprego das dezasete do Estado.

Que pasou para que a vantaxe que tiñamos na taxa de paro no 2009 en comparación coa media do Estado pasara de 5,2 puntos nese ano a só 1,4 puntos no 2017, isto é, que se reducira un 73 %?

Como explica que en Galicia haxa máis de 90.000 persoas que levan paradas máis de dous anos? No 2009 eran apenas 22.000. Como é posible que coa denominada «recuperación» en marcha os parados de moi longa duración, os excluídos do mercado de traballo, multipliquen por catro veces os que había na recesión?

Señor Feijoo, a ver se nos dá explicado, en definitiva, por que Galicia é a comunidade autónoma coa peor evolución laboral de todo o estado. Por que senón só queda pensar que esa anomalía é a consecuencia da política económica do seu Goberno.

Como é posible que coa denominada «recuperación» en marcha os parados de moi longa duración multipliquen por catro veces os que había na recesión?