Digamos non ao CETA

OPINIÓN

03 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Como ben escribiu J. Stiglitz, entre moitos outros, os chamados tratados de libre comercio só teñen como finalidade protexer as inversións á par que reducen a protección dos traballadores, consumidores, usuarios e do medio ambiente. A colonización militar de onte vén sendo substituída agora polos chamados tratados comerciais bilaterais.

Non é certo que o CETA produza expansión para a pequena empresa, pois a exportación, en xeral, non é o seu, e sempre van estar en inferioridade fronte ás grandes empresas do Canadá; e existe o temor racional, á vista de experiencias como a de México coa aplicación do NAFTA, de que desaparezan máis de 200.000 postos de traballo en toda a UE. O secretismo en que se foi xestionando este tratado, como todos os demais, é un síntoma ben sospeitoso

Diversos estudos alertan de que non garante, nin protexe, os dereitos dos traballadores, nin os dereitos sociais, nin os compromisos xa adquiridos pola UE sobre o clima. E asemade que vai contribuír ao aumento das desigualdades e ao deterioro dos servizos públicos, como por experiencia é xa ben sabido.

Este tratado pretende impoñer unha Administración de xustiza paralela á dos Estados, coa finalidade de que a lexislación destes non se opoña aos seus principios, de maneira que as transnacionais poderán demandar aos Estados que lexislen en contra dos intereses destas, como xa sucedeu en varios países.

Ao cabo, moitos pensan, coido que con acerto, que este tratado vai contribuír a baleirar de contido democrático a Unión Europea. Polo que semella, certas opcións políticas dan prioridade a garantir os beneficios das compañías transnacionais sobre as condicións de vida dos cidadáns dos países asinantes. Opcións para as que a soberanía é sagrada... cando convén.