Galegos por convicción

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

09 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O segundo presidente da Real Academia Galega, o editor e polígrafo Andrés Martínez Salazar (1846-1923), non era galego de nación, non nacera en Galicia quero dicir, senón na Astorga da Maragatería, e entrou en relación coa cultura galega na cidade da Coruña cando empezou a traballar no Arquivo de Galicia con Manuel Murguía. A súa contribución á cultura e á lingua galega foi certamente valiosa, non só como investigador e estudoso, senón sobre todo como editor. Da súa man, xunto con Juan Fernández Latorre, naceu a Biblioteca Gallega (1885), a primeira experiencia editorial cunha programación estratéxica estable a prol da nosa literatura, símbolo do Rexurdimento, onde publican autores como Manuel Murguía, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, os irmáns Francisco e Antonio de la Iglesia, Francisco Añón, Heráclio Pérez Placer, López Ferreiro, etcétera…

Máis circunstancial, aínda que non menos emocionante, é o caso de Federico García Lorca, autor dos Seis poemas galegos, editados por Ánxel Casal, homenaxe á nosa literatura e aos amigos que o poeta granadino coñeceu en Galicia durante varias estadías dende 1931. Poeta a editor foron asasinados polo fascismo nos días terribles de agosto de 1936 case no mesmo día: un na barranqueira de Víznar, o outro nas gabias de Cacheiras.

Son moitos (e moitas) os que afortunadamente se achegaron e achegan dende fóra ás nosas letras: entre os máis próximos Úrsula Heinze, por exemplo, galega de Colonia (Alemaña) que se incorporou á nosa lingua por amor, como ela mesma confesa, cunha obra importante e recoñecida; ou Kristina Berg, que foi esposa de Carlos Casares; Kathlen March, tradutora de Cunqueiro e Rosalía; Marilar Aleixandre, unha das nosas autoras máis celebradas; sen esquecer o xénero masculino: John Rutherford, David Mackenzie, Craig Peterson, Xosé Antonio Perozo… Cito de memoria e de seguro que esquezo algúns.

Entre os variados méritos de María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, 1939-Pontevedra, 2005), a quen a Academia acordou dedicar a celebración das Letras Galegas no ano 2018, hai un que non sempre se comenta e que quixera salientar, alén da súa condición de escritora (cunha grande aceptación entre o público xuvenil sobre todo), crítica literaria e profesora de ensino medio (polas súas aulas pasaron algúns nomes sobranceiros das letras e a filoloxía galega de hoxe). Refírome ao feito de non ser galega de nación, senón de terras da Estremadura, que chegou a Galicia con 24 anos e aquí volveu descubrir o mundo, como ela tamén dicía: por amor. Non é pouco mérito xa non da autora, senón do propio país, esta Galicia nosa, ás veces tan ingrata (tan alleeira); non é pouco mérito, digo, que o país e a súa cultura amosen esta capacidade de sedución, esta forza interior, este pulo para incorporar voces que nos enriquecen e admiran. Benzóns.