Agora que non arde

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

11 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A publicidade é un método de venta e tamén unha disciplina académica que se estuda no campus de Pontevedra, pero non serve de nada se queremos saber por que arden os montes. Tampouco serve con botarlle a culpa aos pirómanos por moito que funcione -dende hai demasiado tempo- en termos de comunicación política, outra técnica que, por certo, tamén pode aprenderse nas universidades. Saber por que arden os montes e como evitalo é unha cuestión de coñecemento complexo que implica a moitos saberes diferentes. A resposta está relacionada cos solos, cos climas, coas árbores, cos ecosistemas, cos agroecosistemas, coas sociedades, co medio transformado polas comunidades ao longo do tempo, coas ideas e os mitos, coa política e as políticas, co pasado e o presente, coas persoas e os seus valores, e con moitas cousas máis.

Agora que aínda non arde o monte é o momento de falarmos do asunto sen as urxencias de cando todo se centre en apagar o lume. Pero falar, debater e discutir para buscar solucións non é o mesmo que facer publicidade defendendo intereses, por suposto lexítimos, pero que non poden facerse pasar por coñecemento indiscutible. Cómpre distinguilo para non enganarse. Tampouco parece digna de crédito a opinión do político que afirma que para que non arda o monte abonda cumprir a lei. Sobre todo se na seguinte ringleira recoñece que a lei cúmprese só anecdoticamente. E menos aínda se sabemos que a lei que se incumpre foi modificada para relaxala. Ninguén é tan inxenuo como para pensar que só con cumprir a lei o monte no arde e menos se é público que a lei non serve ou non se cumpre.

Disto fálase antes de arder o monte; cando arde xa só se dá en falar de pirómanos. Unha explicación política para saír do paso que foi converténdose en mitoloxía para evitar discutir do fracaso, da ausencia de políticas ou de incompetencia, que tamén a hai a esgalla. Insistir nos pirómanos como unha ladaíña é puro folclore, igual que se en clase de Historia lles explicáramos aos nenos que os castros os fixeron os mouros, seguindo a explicación popular. O asombroso é que levamos unha década repetindo esta explicación en vez de buscar solucións e intentar entender a evolución do problema. Non se poñen en marcha os estudos nin o debate social e parlamentario axeitado para adoptar estratexias de futuro. Nin sequera se responde á oposición no Parlamento, con cifras e datos, nin se reflexiona ao xeito.

Algunhas verdades son necesarias neste negocio. O xefe dos bombeiros forestais cataláns, un experto mundial no asunto, afirmaba estes días que o lume é rexenerador dos agroecosistemas, que axuda a crear espazos no bosque cando non llos deixan, que os eucaliptos tal como están plantados na Península Ibérica non forman bosques, senón auténticos cultivos como o trigo ou o centeo, pero en moitos casos sen os coidados adecuados ou como unha forma de abandono da agricultura. O trigo abandonado tamén acaba ardendo.