A paciencia do mar

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

06 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O CO2 na atmosfera é unha das causas do incremento da temperatura media do noso planeta. Ao longo do último século, por mor da actividade humana, a súa concentración pasou de 280 partes por millón a 400. Con todo, tendo en conta o que queimamos, o seu incremento debería ter sido moito máis. 

Quen nos salvou do que falta? Parte do CO2 emitido polo ser humano foi reciclado polas plantas, parte foi ao solo e un 40 % foi absorbido polos océanos. Pero o mar ten o seu ritmo. Na década de 1990 detectouse unha baixada desa capacidade de absorción oceánica. En principio atribuíuse a un reforzamento dos ventos do oeste nas augas que rodean a Antártida, pero na década do 2000 os océanos volveron a recuperar a súa capacidade de tragar CO2... e os ventos seguían igual.

Que pasou? Acaba de descubrirse a resposta: un cambio na velocidade de circulación interna das augas dos océanos (a que fai que as augas das profundidades emerxan á superficie). En xeral, nun milenio a auga das zonas máis profundas substitúe a da superficie; pero hai unha circulación máis rápida, que afecta á capa dos primeiros mil metros. Esta auga profunda ten CO2, que é liberado cando chega á superficie. Nos 1990 a circulación era rápida, e o mar liberou moito; unha década despois enlenteceuse, e liberou menos. Teñámolo claro: o CO2 que vai ao mar non desaparece. En primeiro lugar acidifica a auga (matando os corais, por exemplo), pero agora ademais sabemos que o mar ten a súa propia lei: pode cuspírnolo de volta e, cando o faga en serio, teremos un problema.