Un país pode ser risible

OPINIÓN

06 ago 2017 . Actualizado a las 05:50 h.

O señor Sardá Valls, cónsul en Washington, foi cesado de maneira fulminante (simpliciter et de plano, como gustaban os inquisidores) porque se pensou que fixera rexouba do acento da presidenta andaluza. Non hai tal: do que si fixo rexouba foi de que esta imitara a vestimenta de dona Letizia, como ben demostran as fotos publicadas. E esa é, paréceme, a cuestión. 

O seu comentario non ridiculizaba a maneira de expresarse da señora de que estamos falando, pois ben se ve que o único que fixo foi tratar de transcribila. Outros transcriben a maneira de falar de Rajoy, ás veces ben ensarillada e falta de lóxica, e de outros moitos, e non pasa nada. As reaccións do Ministerio de Asuntos Exteriores ou do señor Jiménez Barrios, en Sevilla, orixinan, polo menos, verdadeiro desconcerto.

Non é que sexan desproporcionadas -a cousa é dunha pequenez insignificante na súa orixe, pero que resulta magnificada por esas alporizadas reaccións-, é que armar tanto barullo por nada, leva a que se pense que en que cousas poden ocupar o seu tempo no ministerio do caso ou na vicepresidencia do señor Jiménez Barrios.

Coido que ten toda a razón o señor Sardá Valls cando di que en España xa non hai liberdade de expresión nin sentido do humor. Especialmente isto último. Como tamén penso que fixo mal en pedir desculpas polo seu comentario, pois de nada ten que se desculpar: hai personaxes, políticos maiormente, ben merecentes de critica e de rexouba, como neste caso.

E, dende logo, esas reaccións tan alporizadas, tratando de ver o que non hai, non son de gabar en xentes que teñen que comportarse coa cortesía -coas maneiras- esixida polos seus cargos. Se esas maneiras faltan, estaremos dando motivos para que, dentro e fóra -sobre todo fóra-, se pense que somos un país risible.