Músicas celtas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

A música celta, ou mellor dito, o xeito de facer música denominado así, chegou a Galicia a mediados dos anos setenta cando as obras de xente como o bretón Alan Stivell, os irlandeses The Bothy Band e The Chieftains ou os escoceses The Battlefield Band, por poñer algúns exemplos, comezaron a ser coñecidas por estas terras, ao tempo que recoñecidas como músicas irmás polo vencello intercéltico que nos xungue. Este feito xerou unha importante corrente de músicos que aceptou este xeito de facer, e axiña comezaron a moverse unha importante cantidade de propostas que traballaban a música galega desde a perspectiva celta, con toda a polémica que xerou ata día de hoxe. A incorporación á música folk galega de instrumentos como o tin whistle (frautas irlandesas), o bodhran (pandeiro redondo que se toca cunha pequeno baqueta de madeira ou oso), a arpa céltica ou o bouzouki (instrumento de corda de orixe grega modificado por irlandeses para estas músicas), xunto cos elementos propiamente galegos como as gaitas, a zanfona, o birimbao e os diferentes tipos de percusión autóctonos (pandeireta, pandeiro, tarrañolas, cunchas…) foron decisivos á hora de conformar unha sonoridade, e fixeron que a música galega se sumase á andaina do celtismo musical iniciado polos irmáns do norte (escoceses, galeses, bretóns, irlandeses…) e deste xeito gañar entidade e recoñecemento en grandes eventos como o Festival Intercéltico de Lorient na Bretaña ou o Celtic Connections en Glasgow, Escocia, entre outros. Sempre é bo aprender de quen sabe máis.  Esa aprendizaxe axudou e axuda a que, en boa medida, teñamos a xeración de músicos e de propostas máis importante da historia. Agora só falta infraestrutura que a faga sostible, viable e exportable ao mundo.

A