O poder e a cultura

OPINIÓN

14 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A sociedade de hoxe ten, sen dúbida, boa e varia información, pode que como nunca, pero case seguro que, en xeral, é moito máis inculta que outras precedentes. E paréceme que a incultura é algo que interesa aos gobernantes: non é o mesmo gobernar nunha sociedade culta que facelo nunha de zombis.

A cultura pouco ten que ver co almacenamento de datos nin coa erudición nin co dominio de ciencias ou técnicas. Máis ben estas serven moitas veces ao poder para disfrazar de cultura a barbarie.

A cultura crea maneiras, estilo, refinamento do espírito. Xorde do cultivo das mellores facultades do ser humano, que son moito máis ricas, diversas e excitantes que as tres potencias da alma de que falaba o P. Astete da nosa infancia: a memoria, o entendemento e a vontade.

A cultura é sempre transformadora, tanto que ningún Goberno deixou de facer canto puido por tela controlada. ¿Non é seguro sinal do que dicimos que todos eles fixeron as súas propias leis a eses fins, dende o inicio da Transición ata a triste Lei Wert? En todas elas foron as humanidades as que máis padeceron.

Esa é a cuestión: as humanidades crean espírito crítico, algo que a ningún poder interesou nunca. E a sociedade, cada vez máis zombi, déixase convencer polos cantos de serea: recortamos en humanidades para máis atención en ciencias e linguas. Nunca dirán a verdade: a docilidade acrítica é un ben de Deus, como a pobreza para Salazar.Pode que estea collendo forma xa nestes momentos unha sociedade máis primitiva por menos culta, e por iso máis simple, con menos recursos para comprender o mundo e con menos referencias para se situar nel.

Unha felicidade para os gobernantes. Pero a desfeita que todo iso pode orixinar non haberá quen a endereite en varias xeracións.