As antigas cociñas das aldeas galegas eran espazos de convivencia, de tertulia e de contos. Lugares onde a tradición oral era unha realidade xusto ata a chegada da televisión, que mandou calar, e converteuse na única que fala en moitas casas, por desgraza. A transmisión oral é moi importante e é unha das grandes singularidades que pode ter calquera cultura viva. Moitos deses legados da tradición son como marcas ou latexos que definen e amosan a identidade colectiva que nos fai ser o que somos no mundo. Historias de mouras, de fadas, de variados personaxes e seres relacionados co mundo mitolóxico, de cidades asulagadas, do rei Artur e Merlín eran habituais no meu entorno, como tamén as da procesión das ánimas, as de cobras e as de lobos, entre moitas máis. Da procesión das ánimas case sempre se contaba o que lle pasara a outros, co máximo respecto e sempre dende unha moi medida narración. Das serpes e dos lobos, moitas delas en primeira persoa xa que eran vivencias de encontros con estes dous animais tan respectados e temidos da nosa mitoloxía popular. Nunha de entre tantas, a miña avoa narraba como unha tarde que viña ela soa co gando para a casa, lle saíron sete lobos ao camiño, e o susto que levou era tan grande que non sabía que había facer. Levaba un paraugas e ocorréuselle abrilo; deste xeito os lobos colleron medo e fuxiron, podendo continuar, ela, o seu camiño o máis rápido que puido. No é corrente que un lobo ataque a unha persoa, pero verse cara a cara con semellante beleza salvaxe ten que impoñer. Atoparse con sete debe de ser unha sensación de impotencia tremenda. Tamén é impotencia o palpar día a día como esta gran riqueza oral herdada, dende ben antigo, vai esmorecendo.