Non teño medo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

19 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Repítome unha e outra vez que non teño medo. Fágoo porque non estou convencida, pero necesito crer. Insisto na idea porque, cando llo conte á miña nena, preciso que soe real, convincente. Quero ensinarlle que confío neste mundo, na sociedade igualitaria, na liberdade de expresión e pensamento... A única maneira que coñezo de transmitirlle as miñas crenzas é o exemplo. Por iso me nego a sentir medo. 

Pero téñoo. A coller un avión. A visitar unha cidade na que son forasteira. A camiñar mirando o horizonte, por se lle dera por esfarelarse diante dos meus ollos. A regresar a casa de madrugada, soa.

Mais nada disto lle conto á miña filla. Porque para ela, e para todos os nenos que son o futuro, desexo a liberdade e a felicidade. Que medre sendo unha igual aos seus, desenvolvéndose como persoa con total naturalidade.

Poden saírme as bágoas a mares e caer aos meus pés, pero estes seguirán camiñando firmes, si, por terra e asfalto, aínda que por dentro o corazón latexe a un ritmo desenfreado polo terror que me asolaga. Si. Teño medo. Moitísimo. Pánico. Pavor. Pero non vou deixar que se note. Avanzarei cos meus pequenos pés, e cos pés da miña pequena ao carón. Tratarei de non volver a cabeza cara atrás, coma se non me importase quen me segue. Quizais sexa unha furgoneta segando vidas, ou un fusil, un coitelo... calquera ameaza.

Tragarei as bágoas e sorrirei para a miña nena e para aqueles que me acompañen pola rúa, coa cabeza alta. Esa é a valentía: queremos e merecemos ser libres.