Culpables

OPINIÓN

20 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos somos un branco posible e, malia que un duro resentimento se abra en nós e nos incite a atopar outros culpables diferentes aos terroristas, non debemos caer nesa tentación porque a queixa da nosa imputación axiña se perdera no estrondo dun novo atentado. Hai que ser conscientes do problema e da nosa intemperie. Con persoas dispostas a morrer pouco se pode facer.

Ata non hai moito pensabamos que vivir na periferia era un privilexio. Nada parecía afectarnos. Os focos da tensión do mundo estaban lonxe e a explosión da violencia xurdía só na prensa, noutra clase de ficción que chegaba ás noticias de xeito instantáneo, coma produtos inmediatos dun comercio alleo. Puro entretemento. Ataques esporádicos por pánico. Agora sabemos, por desgraza e experiencia, que a simple existencia dun móbil democratizou o terror. O poder tamén é vulnerable. Nunca o foi tanto. Un adolescente descerebrado pode alugar unha furgoneta ou acceder a un curso instrutivo para fabricar unha bomba. Un xesto inocente, a simple aventura de amar a morte, un xogo en mans inexpertas que non requiren o empuxe premeditado da relixión nin a visión infantil e fanática do paraíso; só satisfacer a esixencia dunha pulsión violenta que se sobe no tren dos informativos e atravesar as redes coma un castigo sucesivo a un Occidente enfermo e infiel, unha loucura abstracta que fixo do mundo un lugar inseguro e perigoso, capaz de tragar de súpeto a persoas que axiña viran nunha ausencia de po e cinsas. Por iso, pola memoria dos mortos e por sentido común, celebremos que a vida continúa e non deixemos que a nosa ideoloxía busque culpables no aire.