Odio en Barcelona

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

22 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O odio está nas ideas e nas condicións de vida. Vimos moito odio en Barcelona, contra Barcelona como cidade aberta e universal. Dixo hai tempo Agnes Heller: as ideas poden ter máis perigo que as armas porque as armas chegan detrás das ideas perigosas para impoñelas. Odio ao diferente, ao descoñecido. Hai condicións de vida que promoven o odio. O dos marxinados brancos en Norteamérica -a white trash- entre os que medra o supremacismo racial, convencidos de que a súa situación só mellorará marxinando aos que non consideran brancos. O odio dunha parte dos alemáns que conviñeron nos anos trinta que os responsables do desemprego, a crise económica e mesmo da derrota na guerra foran os xudeus que os nazis sinalaban como responsables. A supremacía branca construíuse coa conquista e coa escravitude. Os nazis eran ateos, pero a cultura relixiosa europea conviña dende o medievo que os xudeus podían ser culpables do que fose. Ao cabo foran quen mataran a Cristo. 

A historia constrúese no presente sobre fermentos coñecidos. Mudan as accións e as formas, as condicións xeoestratéxicas e tecnolóxicas, pero os fermentos están aí. Vellas ideas relixiosas exclusivistas, antigos prexuízos raciais supremacistas, a promesa de paraísos eternos que non se poden atopar en vida na Terra. Nada novo. A desorde global acrecentando vellos problemas non resoltos dende os tempos dos imperios ou dende a última posguerra mundial. Estamos nun tempo de intolerancia crecente e segmentada en formas diferentes. De odio provocado a conciencia, acumulado na ausencia de benestar e fertilizado pola renuncia á esperanza no futuro.

Non hai choque de civilizacións nin moito menos de relixións. O que provocou a matanza de Barcelona como todas as demais destes anos no mundo enteiro é o conflito entre a liberdade, a pluralidade, a tolerancia, o dereito á diferenza, o respecto á diversidade e os seus antónimos. Os rapaces fanatizados en Cataluña, que foron alí á escola e xogaron alí ao fútbol, querían impoñerlle as súas ideas aos demais pola forza. O asasinato e matanza ate o exterminio é o seu método de guerra e incluía o suicidio. Non estaban desesperados, senón asombrosamente esperanzados. Tanto que estaban dispostos a morrer matando. Hai quen poida entendelo dende a razón común? Non. Por iso compre pensalo.

A intolerancia aliméntase en espiral na acción-reacción. Vímolo na mesma semana en Cataluña e en Virxinia. Pero o que está detrás do uso da intolerancia como arma até chegar ao asasinato é a loita polo poder. Vímolo tamén. A matanza perpetrada, que aínda puido ser moito máis mortífera, tiña obxectivos moi precisos. Nos interpretámolo como vulnerabilidade e como ameaza á nosa forma de vida, pero compre saber que buscaban. Probablemente buscan demostrar poder e conseguir máis poder a prol do Estado Islámico e a súa estratexia promovendo a islamofobia. Pensamento simple, accións simples, resultados eficientes. O titular de algúns xornais europeos o 2 de setembro de 1939 foi: «Polonia ataca a Alemaña». Compre non fiarse, nin precipitarse. Non errar de novo.