Forman parte de nós

Víctor F. Freixanes
VÍctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

27 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Educar é (tamén) socializar. E a socialización non significa supresión da diversidade, senón recoñecemento, incorporación desa diversidade ao conxunto, que é un todo. Se algo caracteriza as sociedades contemporáneas, que son sociedades complexas, é precisamente esa diversidade. A intelixencia dos xestores deberiamos medila pola capacidade que teñan para artellar modelos políticos que poidan harmonizar, sempre na medida do posible, eses universos culturais diversos. Digo na medida do posible porque non é fácil. 

Os acontecementos destes días en Cataluña, igual que os de París, Londres, Bélxica, Niza, Berlín, cidades todas cun importante continxente inmigrante procedente nunha gran parte de países de cultura islámica (aínda que non exclusivamente de cultura islámica), plantea un problema de dobre dirección: cara a dentro e cara a fóra.

Pensar que se pode abordar aplicando exclusivamente accións policiais (aínda sendo ás veces necesarias) é unha inxenuidade. Como intentei explicar na marea da semana pasada a cuestión é de fondo: ese mundo diferente existe, está aquí, e a intelixencia política, repito, consiste en saber incorporalo, non dende a uniformización que negue as identidades, senón dende a aceptación da diversidade, implicándoa nos principios da cultura que os acolle: aceptándoos a eles e eles (os que veñen de fóra) aceptando as nosas regras de xogo. Un cambio de mentalidade? Sen dúbida. Sei que algúns califican esta posición de idealismo inxenuo.

Mais a cuestión de fondo é dobre, como dixen antes: por unha banda a situación dramática de países que por diversas razóns (fames, depresión económica, guerras, conflitos políticos) dende hai tempo veñen drenando cada vez máis excedentes humanos cara aos países do Primeiro Mundo, que non somos inocentes respecto da súa situación. E por outra banda, a capacidade (limitada) de absorción deses excedentes por parte nosa. Arrabaldes enteiros, periferias urbanas das cidades que sinalei, e outras máis próximas, están a ser ocupadas xa non polos que chegan, senón polas xeracións seguintes: fillos e netos que naceron aquí, que teóricamente se educaron aquí (en centros públicos) e que semellan extraños. ¡Rapaces de vinte anos! Andan pola Rede estes días varios documentos de profesores que traballan con estes colectivos e que detectan o problema: a dificultade (ás veces impotencia) para abordar con eficiencia a educación, o seguemento, a socialización desta poboación distinta que ou facemos nosa (como parte do discurso común), recoñecendo a súa diversidade, mais integrándoa nos nosos valores democráticos e sociais (tamén laborais), ou acabará transformándose nun cancro difícil de manexar. Educación, recursos, plans específicos para tratar unha cuestión que tendemos a considerar allea, coma se fose cousa de outros, mais que forma parte de nós.